viernes. 19.04.2024

Manolo Fontemoura busca parella para o pádel. Este xoves, despois dos ensaios cun grupo de teatro de mulleres en Rairiz de Veiga, intenta convencer un veciño no bar do centro social de Vilar de Santos. Aquí empezou hai trinta anos a traballar como monitor de tempo libre da man do párroco de Parada, Miguel Fernández Grande, falecido estes días. "Foi a primeira persoa que me deu traballo na miña terra, A Limia", di Manolo, que naceu en Porqueira no ano 69 e viviu en Vigo até principios dos noventa.  Fontemoura, un alcume que dá conta das súas orixes, busca algo máis: un editor para as mais de cen obras de teatro que leva escritas, busca institucións políticas con sensibilidade para a cultura e, especialmente, para o teatro. O seu.

En 1995 formou un grupo precisamente aquí, en Vilar de Santos. Chamábase Arracala. Ao ano seguinte empezou a traballar en Paradela, Porqueira, coa asociación Encrucillada. E nese mesmo ano, 1996, fundou o grupo de teatro Aneis, en Xinzo, que vén de celebrar os seus 25 anos. Eran el e sete máis. Non esqueceu os nomes. "Eran Iztxi, Elisa, os irmáns Pablo e David, Carmen, Alberto [Martínez, hoxe concelleiro de Servizos Sociais en Xinzo] e Ana... Ana Cerrato continuou no mundo das artes escénicas. Penso que vive en Inglaterra, foi acróbata, creo que mesmo chegou a colaborar co Circo do Sol".

Nun momento dado, pola presión da Sociedade General de Autores y Editores tivemos que deixar de interpretar obras suxeitas a dereitos e púxenme a escribir". Foron máis de cen obras.

Hoxe Aneis e o teatro en Xinzo son cinco grupos e unhas corenta persoas. Son dúas galas anuais, un escenario "adecuado" na Casa da Cultura, vinte cinco anos de historia e máis de cen obras sen publicar. "Nun momento dado, pola presión da SGAE [Sociedade General de Autores y Editores] tivemos que deixar de interpretar obras suxeitas a dereitos e púxenme a escribir". Foron máis de cen obras. E segue buscando editor malia que xa é un autor con obra publicada: o relato A nena do vestido de flores (Aira Editorial), co que foi finalista do Follas Novas. 

"A xente gusta do teatro cómico", di Manolo, "pero a min como autor o que me gusta é experimentar, e pode que por iso, ou pola temática, haxa cousas que non se entenderon". Por exemplo, A caixa tola, que falaba "do éxito rápido, unha crítica, claro, a través dunha historia nun cásting para un programa de telerrealidade". Tamén está satisfeito doutra das súas últimas creacións, A rúa da tranquilidade, unha historia de veciñas e veciños que puxo en escena Aneis e, despois, o grupo de mulleres de Rairiz.

A min como autor o que me gusta é experimentar, e pode que por iso, ou pola temática, haxa cousas que non se entenderon".

Manolo Fontemoura no bar do centro social de Vilar de Santos este xoves (1)Manolo Fontemoura.

Cando se despide, aínda sen parella para o pádel, Manolo deixa un lamento: "Son como unha illa en toda a Limia no mundo do teatro; desafortunadamente, non hai moito máis". O home-illa lanza outro SOS polas artes escénicas. Pide espazos "adecuados". E só os hai, di, "axeitados para o teatro", en Xinzo (a Casa da Cultura) e en Porqueira. "Fun profeta na miña terra. Houbo un grupo de mulleres, e algunhas delas chegaron a participar no filme 'Arraianos', de Eloi Enciso. Hoxe temos rapaces, dous grupos, e ensaiamos os sábados pola tarde. Alí arraigou o teatro. Pero custa moito".

Hoxe en Porqueria temos rapaces, dous grupos. Pero na Limia faltan autores, ninguén máis escrebe teatro"

En Xinzo, explica, veñen de conseguir "un fito histórico": uns micros inalámbricos. "Parece pouco, non si? Pero levabamos anos pedíndoos". A nova directiva de Aneis empezou polo básico e ademais dun espazo axeitado, agora teñen micros. "Faltan autores, ninguén máis escribe teatro na Limia. Faltan espazos, por suposto". Os concellos e os colexios e entidades privadas fan esforzos, e Fontemoura pode vir disto. Agora dá cursos ou dirixe grupos en Rairiz, Xinzo, Porqueira, Baltar, Maceda, Xunqueira de Ambía e Allariz. Pero segue sentíndose unha illa.
 

REPORTAXE | O Home-illa do teatro na Limia lanza outro SOS polas artes escénicas