Domingo. 04.06.2023
Máis de 1.000 limiáns cursaron a súa ensinanza

NOTICIAS A LIMIA | O Teatro Aneis de Xinzo chama ao apoio da cultura no seu 25 aniversario

Fotografía dunha das obras realizadas polo grupo de adultos do Teatro Aneis
Fotografía dunha das obras realizadas polo grupo de adultos do Teatro Aneis.| FOTO: Cedida.

A asociación cultural Teatro Aneis acaba de cumprir 25 anos baixo un contexto de crise ocasionado pola pandemia. Unha época na que o seu director, Manolo Fontemoura, resalta como "a cultura necesita máis apoio que nunca".

O sector cultural está a pasar por momentos moi difíciles -anulación de concertos, obras teatrais, musicais, festivais...-  Resulta necesario aportarlle toda a axuda posible para recuperar o seu auxe e a súa traxectoria. Pola contra, este impulso non se fixo ver no aniversario do teatro, o cal pasou totalmente desapercibido en gran parte da comarca da Limia. Tal como expón Manolo, "A cultura é segura (...) necesitamos apoio, máis apoio ca nunca das institucións e das persoas, pois este é un momento moi delicado". O recoñecemento que necesita a asociación faise palpable debido ao difícil contexto que está a padecer.

O Teatro Aneis leva anos sendo un referente da ensinanza teatral nas terras do Limia. Xurdiu no ano 1996, inspirado pola necesidade de dous mozos que querían levar a cabo representacións teatrais no Concello de Xinzo, e así o fixeron. A primeira obra representada foi "O ceo de Fornelos" de Varela Buxán -na Casa da Cultura de Xinzo-, e contou só con sete actores. Un ano despois, o teatro comezou a incluír grupos infantís, iniciando progresivamente o seu crecemento. Tal como expón o director, "Aneis é un pequeno milagro (...) son 25 anos de moito esforzo e traballo".

As representacións que máis se recordan da súa traxectoria foron "Os cabos da prata" e "A rúa da tranquilidade" -unha das últimas creacións-. Dende o ano 2003 todas as obras comezan a ser escritas á man de Manolo Fontemoura, pertencendo ao escritor unhas 70 en total.

Máis de 1000 limiáns pasaron xa pola ensinanza teatral de Aneis, formando parte das 800 representacións que rexistra a organización - moitas delas realizadas nas terras da comarca da Limia, pero tamén en toda Galicia, e diversos puntos de España e Portugal-.

Actualmente, a organización mantén a matriculación aberta ata o 30 de setembro, cunha cuota de inscripción mensual de dez euros ao mes e con dispoñibilidade de crear grupos de actuación en diversos puntos da Limia -como Xinzo ou Allariz- .

NOTICIAS A LIMIA | O Teatro Aneis de Xinzo chama ao apoio da cultura no seu 25...
comentarios