lunes. 07.10.2024

A veciñanza de Trasmiras decidiu armar unha boa festa esta mañá. Todos estaban ao tanto, menos unha persoa. Carmen Casal, a enfermeira do seu centro de saúde durante os útlimos 28 anos, remataba hoxe o seu labor no concello para iniciar unha nova etapa da vida, a da xubilación. No pavillón deportivo, déronse cita todos para sorprendela e agasallala polas case tres décadas nas que estivo coidando da saúde dos veciños.

Enganada, Casal chegou pensando que tiña que atender a un paciente e alí atopouse con moitos dos veciños de Trasmiras que quixeron sorprendela. E lográrono. A música non faltou, nin as bágoas, porque tres décadas son difíciles de esquecer. A enfermeira deixa a súa pegada a través de varias xeracións, ás que coidou e acompañou, tanto nos momentos alegres como nos difíciles. Co respaldo dos seus dous fillos, Casal agradeceulle aos veciños todo o que fixeron e tamén asegurou que para ela "foi un orgullo e unha satisfacción ser a vosa enfermeira".

Os veciños de Trasmiras quixeron acompañar á súa enfermeira neste último día. | FOTO: Noelia Caseiro.
Os veciños de Trasmiras quixeron acompañar á súa enfermeira neste último día. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Nesta despedida sorpresa, Casal acordouse de todos os compañeiros cos que compartiu o centro de saúde, dos que aprendeu e "fixeron de min a enfemeira que son". Marcha contenta polo traballo ben feito, pero tamén triste por ter que deixar a estas persoas coas que compartiu moitos momentos. O único que lles pediu, como un último desexo, "coidádevos moito".

O alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos, estivo presente neste evento sorpresa organizado pola veciñanza, o que amosa a importancia que tiña Casal para todos eles. "Non é só unha enfermeira ou unha funcionaria, é tamén unha veciña e amiga que estivo sempre ao pé de todos os usuarios da sanidade pública do concello", destacou.

Carmen Casal agradeceu aos veciños todo o agarimo que lle demostraron e todo o que a respectaron durante os últimos 28 anos. | FOTO: Noelia Caseiro.
Carmen Casal agradeceu aos veciños todo o agarimo que lle demostraron e todo o que a respectaron durante os últimos 28 anos. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Carmen Casal: "Os pacientes para nós teñen nome e apelidos, non son un número de cama, compartes con eles momentos bos e malos"

Carmen Casal, veciña de Xinzo, chegou hai 28 anos ao centro de saúde de Trasmiras, pero antes xa estivo 13 nos Blancos, un en Vilar de Santos e tamén botou unha tempada na Gudiña e ata no CHUO. A súa vocación sempre foi a Atención Primaria e estes máis de 40 anos traballando nos centros de saúde, son o exemplo.

Como é deixar atrás tantos anos atendendo á veciñanza de Trasmiras?

Pola miña consulta pasaron moitas xeracións. Con esta xentiña compartín moitas das súas alegrías con nacementos de fillos ou netos, vodas..., pero tamén tristezas pola falta dos seus seres queridos. Eu creo que isto tamén forma parte da miña profesión e voume cunha satisfacción moi grande, sentíndome moi querida, valorada e respectada, especialmente hoxe máis ca nunca.

Carmen Casal recibiu varios agasallos de parte dos veciños, nos que deixa unha fonda pegada. | FOTO: Noelia Caseiro.
Carmen Casal recibiu varios agasallos de parte dos veciños, nos que deixa unha fonda pegada. | FOTO: Noelia Caseiro.

 

Agardaba que os veciños a tivesen en tan alta estima?

Eu sabía que me apreciaban, aínda que eu son un persoa que os machacaba moito co tema de que se coidasen e seguisen coa dieta, pero o de hoxe nunca pensei que fose pasar. Non esperaba que eu fose tan querida aquí, por esta xente. Voume contenta porque empezo unha nova etapa da miña vida, pero por outro lado estou triste por ter que deixalos despois de tantos anos.

Sempre quixo dedicarse á enfermería en Atención Primaria?

A Atención Primaria é o que a min me gusta. Fun unha privilexiada grazas a esta profesión e gustoume moito o labor que levei a cabo durante máis de 40 anos. Para min a enfermería é moito.

Cos problemas que hai para cubrir prazas nas zonas rurais, tanto de médicos como de enfermeiras, que lle diría a esas novas xeracións de sanitarios que se están a formar?

Só podo dicir que ogallá a persoa que manden para cubrir a miña praza en Trasmiras sexa tan feliz como o fun eu e igual de profesional. No rural temos un gran labor que facer, tanto médicos como enfermeiras, porque é un traballo moi importante. Os pacientes para nós teñen nome e apelidos, non son un número de cama, acabas tendo relación con toda a súa familia e compartes momentos bos e malos. A persoa que veña ten que sentir esta profesión como unha vocación, se non o ves así, acabas queimándote porque traballas con xente maior que ten moitos problemas e pluripatoloxías e con longas axendas. Hai moito que facer.

Moitos veciños de Trasmiras non se quixeron perder a despedida da súa enfermeira. | FOTO: Noelia Caseiro.
Moitos veciños de Trasmiras non se quixeron perder a despedida da súa enfermeira. | FOTO: Noelia Caseiro.

NOTICIAS A LIMIA | Carmen Casal despídese dos seus pacientes, tras case 30 anos en...