viernes. 04.10.2024

Isaac Alonso Estraviz recibe ao Diario da Limia na súa casa da Santa Maríña de Augasantas (Allariz). É, probabelmente, o intelectual vivo máis importante do país. Esta mañá está traballando no seu dicionario. "O dicionario con máis entradas de todos os que hai nas linguas peninsulares", informa. Traballa nun computador cunha enorme pantalla. Este ano, di, superará as 139.000 voces. O Dicionario Estraviz é unha referencia. Na biblioteca conserva exemplares das primeiras edicións. Unha delas, en tres tomos, preside a breve entrevista no segundo andar dividido en dúas salas amplas: a biblioteca. Agora o Dicionario está na Rede, e a biblioteca agarda destino.

Alonso Estraviz ten 87 anos e está pensando no futuro do seu legado. El, que foi monxe, censor, tradutor, ensaísta, autor do Prontuário ortográfico galego de AGAL en 1985 e Por um galego extenso e útil (Através Editora, 2010), que aínda está a preparar un novo libro de conversas co Bernardo Penabade, que ensinou e ensina que hai unha mesma lingua dun e doutro lado da raia, que fixo a súa tese doutoral sobre as falas das parroquias de Trasmiras e Cualedro (A fala dos concelhos de Trasmiras e Qualedro, 1999), esta pensando en que os seus libros vaian para Trasmiras e que alí cobren unha vida nova.

"Calculo que haberá uns vinte mil volumes, pero en realidade non sei a cifra, porque continuamente seguen chegando libros, uns porque mos dan, outros porque os compro", comenta despois de mostrar unha primeira edición do Teatro Crítico Universal do Padre Feijoo, e un facsímile das Cantigas de Santa María. "De momento hai un destinatario, pero todo depende de como vaian indo as cousas". 

O destinatario é a Casa da Cultura de Trasmiras, porque Alonso Estraviz naceu en Vilaseca, concello de Trasmiras. A cesión está encamiñada, mais non está pechada, porque Estraviz pon certas condicións. "O que non vou facer é entregar unha biblioteca para que estea baixo chave e ninguén a consulte. Quero que esta biblioteca sexa consultada, sexa utilizada por todo tipo de xentes, sobre todo por estudantes. Os libros son para ser utilizados".

O Concello de Trasmiras, con Emilio Pazos, o alcalde, á cabeza, leva tempo falando con Alonso Estraviz. A intención é trasladar a biblioteca completa (incluídos os estantes) á segunda planta da Casa da Cultura. Xa se investiron 20.000 euros en adecuar parte do espazo: cambiar as xanelas, as persianas, a porta (agora de carballo), instalar unha calefacción... Falta cambiar o solo, unha nova tarima. "Esperamos telo todo listo nuns meses", di o alcalde.

"O que non vou facer é entregar unha biblioteca para que estea baixo chave e ninguén a consulte. Os libros son para ser utilizados" (Alonso Estraviz)

Estraviz (16) (FILEminimizer)
Estraviz, con primeiras edicións do seu Diccionario.

"Non só se trata do local axeitado", avisa Estraviz. "Quero que haxa unha fundación que desenvolva todo tipo de actividades, aínda que só sexa un ou dous días á semana, como por exemplo a de Manuel María en Outeiro de Rei. Que haxa conferencias, visitas, consultas..."

Alonso Estraviz pide celeridade no arranxo do local da Casa da Cultura e o alcalde di que se rematará pronto, e que a cuestión da fundación xa está en trámite. "Estamos recollendo toda a información necesaria e elaborando uns estatutos que, loxicamente, terá que revisar Alonso Estraviz. Nesa fundación estará el, a familia, o Concello de Trasmiras e a Xunta. Polo menos estas partes. A nosa intención é traer os libros en canto se constitúa a fundación Isaac Alonso Estraviz, e iso debería estar feito antes de final de ano"

"A nosa intención é traer os libros en canto se constitúa a fundación Isaac Alonso Estraviz, e iso debería estar feito antes de final de ano" (Emilio Pazos)

Estraviz (22) (FILEminimizer)
Estraviz, cun facsímile da Crónica General de España

No último pleno a corporación acordou destinar unha partida de 6.000 euros para obras na Casa da Cultura. Trasmiras podería ter antes dun ano un tesouro de 20.000 xoias xestionado para dar servizo ao público, a mellor biblioteca da Limia, un lugar sinalado para o reintegracionismo, aquela aposta que lanzaron algúns dos grandes intelectuais do país hai catro décadas e segue viva. Por exemplo, nas escolas Semente, que a fin de semana anterior ao Día das Letras acompañaron ao propio Estraviz na homenaxe que lle renderon na Arca da Noe.

Estraviz (2) (FILEminimizer)
Exemplares, na biblioteca de Alonso Estraviz.

"O alcalde mesmo veu medir os estantes. Mediu e deixou aquí o metro. Estou esperando que volva recollelo", di Alonso Estraviz mentres debuxa un sorriso. El xa ten unha parte da súa biblioteca en Cualedro, alí adicáronlle unha sala e como agradecemento doou libros, e doará mais, pero só exemplares que teña repetidos.

O alcalde apunta que o Concello de Trasmiras adecuará a Casa da Cultura "para que os libros estean nas mellores condicións de conservación posíbeis", e que asumirá no futuro todo o gasto que supoña o mantemento da biblioteca.

Trasmiras. casa da cultura. Futura Biblioteca Estraviz (1) (FILEminimizer)
Segundo andar da Casa da Cultura de Trasmiras, despois da reforma. | FOTO: Concello de Trasmiras

NOTICIAS A LIMIA | Alonso Estraviz negocia a cesión da súa biblioteca (20.000 volumes)...