Venres. 29.03.2024

Manolo Fiz naceu en Vilaseca (Trasmiras) hai 55 anos. Alí viviu até os vinte e pico anos, alí conserva familia e unha finca con froita que unha vez por semana vén coidar desde Ourense, onde traballa desde que regresou da emigración en Suíza. 


Antes de marchar a Suíza, onde estivo traballando tres anos e medio na construción, tamén traballou un ano en Xinzo. E antes fixo a mili. Tiña apenas 20 anos cando colleu un tren en Ourense que o deixou na antiga estación do Norte, en Madrid, despois baixou a Atocha, esperou e esperou 12 horas até coller outro tren que o levou a Cádiz.


Manuel pertencía ao cuarto remplazo de 1986. Madrid, a estación do Norte, foi doce meses despois o lugar no que se despediu de José Manuel Vigo, un mozo da Coruña, da mesma quinta, co que trabou unha desas amizades que quedan para sempre.


“Despedímonos ás présas. Non sei se anotei mal o número ou que pasou. Tempo despois intentei varias veces poñerme en contacto con el, pero non houbo maneira”, conta Manuel, hoxe empregado nunha factoría, na quenda de noite, en Ourense, onde se instalou ao regreso de Suíza, aos 27 anos. Hoxe ten dous fillos e toda unha vida ás costas.


Tamén Vigo, o seu compañeiro na mili. Vigo tamén ten dous fillos e un bo traballo alá na Coruña. Vigo era un tipo “sincero, moi alegre, un compañeiro xenial, e así foi a nosa amizade até que en Madrid el colleu o tren para A Coruña e eu collín o que ía cara a Ourense”, di Manuel.


“Na mili son 24 horas de convivencia, pasas momentos moi malos, estás a mil quilómetros da casa, eu botei oito meses seguidos alá, eramos rapaces de vinte anos, acostumados a andar de festa e vímonos alí metidos”. Os dous meses de instrución en San Fernando (Cádiz) foron terríbeis, conta Fiz. “Corenta graos en pleno agosto nun deserto facendo instrución. Foi o peor da mili”.


En Ceuta tamén foron duros os primeiros meses, pero despois a cousa mellorou. Eran só tres galegos no cuartel do Monte Hacho e fixeron piña. Pasaron as novatadas. “Ceuta era daquelas o dobre de Xinzo, e a metade da poboación eran militares. Vigo estaba como ordenanza na cas dun coronel. Cando tiñamos permiso, cambiabámonos alí antes de saír de festa. Fomos amigos desde o principio e durou toda a mili, até que nos despedimos en Madrid”.


Manuel regresou á casa, marchou para Suíza, volveu, casou, tivo dous fillos, estableceuse en Ourense. E antonte, o mércores, despois de recibir mensaxes de varios amigos da Limia, chamou ao teléfono dun home de Ceuta, Manuel. “Pensei que era el, o propio Vigo. Pero foi o intermediario”. Resulta que un fillo de José Manuel Vigo colgou unha mensaxe no Twitter coa foto do seu pai (con bigote) e aquel mozo que o sinalaba, en Ceuta, vestidos de militares, que sabía que era de Xinzo.


A mensaxe foi da Coruña a Ceuta, e de Ceuta volveu para Xinzo a través do grupo de Facebook (Xinzo de Limia). E espallouse pola Limia até que recoñeceron a Manuel Fiz na foto. E avisárono. E el chamou a Ceuta e aquel home de Ceuta pechou a cadea.

Manuel Fiz en Ourense este venres
Manuel Fiz, en Ourense este venres.

Onte xoves por fin falaron. Manuel Fiz e José Manuel Vigo. “Tres minutos pola mañá, porque el estaba traballando. E máis tempo pola tarde. Vaille ben. Ten familia, a mesa ca min, dous fillos. Falamos moito. Quedamos en vernos en canto haxa ocasión. A aperta vai ser forte, claro. Iso o primeiro. O abrazo vai durar cinco minutos”.


A historia contouna Beatriz García nun artigo publicado onte mesmo no xornal El Faro de Ceuta. Titúlase: Contactados! (pode lerse aquí). “Emocioneime por suposto. Son moitos anos. Pero hai amizades que non se esquecen. El deu o primeiro paso ao intentar buscarme. Eu intenteino hai un tempo polo Facebook, pero resulta que el non ten redes sociais”. Mais foron as redes as que facilitaron o reencontro.


Fiz e Vigo, aqueles dous mozos galegos que non esqueceron a súa amizade en 35 anos, terán moitas cousas que se contar, pero o primeiro será un abrazo. Cinco minutos que pecharán 35 anos.

NOTICIAS A LIMIA | “O abrazo vai durar cinco minutos”