martes. 08.10.2024

Son de monte é un proxecto coordinado polo GDR Limia-Arnoia que busca “asentar unha rede de centros de información e promoción da cultura do monte”. A maiores deste grupo ourensán, están implicados na iniciativa as coruñesas asociación Seitura 22 e a asociación de desenvolvemento rural Mariñas Betanzos, os grupos pontevedreses Condado Paradanta e Eu Rural e a asociación lucense Montes e Vales Orientais. Onte e hoxe, Son de monte desenvolveu en Celanova a quinta edición das súas xornadas anuais. O alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos, secretario do GDR Limia-Arnoia, presentou a mesa de conferencia deste venres e participou na clausura xunto ao alcalde de Celanova e á  directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. 


Pola tarde, estaba previsto que os participantes realizasen unha visita ao Couto Mixto, onde radican proxectos apoiados polo GDR Limia-Arnoia, cuxo labor abrangue as comarcas de Allariz-Maceda, A Limia, Baixa Limia e Terras de Celanova.


En Celanova, a directora xeral lembrou que xa están aprobadas un total de 21 aldeas modelo en Galicia, “para recuperar as contornas doutros tantos núcleos de poboación. Dentro destas figuras, salientan os aproveitamentos gandeiros pero tamén se perfilan como opcións idóneas cultivos de horta ou a plantación de árbores froiteiras e de castiñeiros, para aumentar as posibilidades de dinamización e rendibilidade”, segundo informa medio rural nunha nota de prensa.


No mesmo comunicado, a consellería salienta que “Santé referiuse aos polígonos agroforestais que poden combinar tamén todos os usos agrarios poñendo en valor, neste caso, grandes superficies de terreo. Segundo sinalou, neste caso hai 21 proxectos en distintas fases de execución. Tanto no caso das aldeas modelo como no dos polígonos, recalcou, a provincia de Ourense está a ser a máis beneficiada da posta en valor de terra agraria”. 


Pola súa banda, Emilio Pazos, como alcalde de Trasmiras, puxo en valor a achega dos fondos Leader e do GDR en concellos como os da Limia, no camiño de crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación. 

Inés Santé, Antonio Puga, alcalde de Celanova, e Emilio Pazos (FILEminimizer)
Inés Santé, Antonio Puga,e Emilio Pazos.

NOTICIAS A LIMIA | Emilio Pazos, nas xornadas 'Son de monte' que organiza o GDR...