martes. 10.12.2024

O próximo sábado 18 ás 19:00 horas presentarase no Pavillón de Deportes do Concello de Trasmiras a obra fotografía "Memoria Temoeira", un libro de fotografía documental que reflexa a vida pasada de Trasmiras durante medio século -concretamente de 1940 a 1990- . A creación foi resultado do traballo e colaboración do fotógrafo Plácido López Rodríguez, Marisol Méndez e Patri Ayuso, ademais da axuda altruista de moitos veciños do municipio.

Plácido López narra como a idea da obra xorde dun grupo de Facebook no que se compartían fotos antigas do concello co obxectivo de homenaxear aos antepasados dos participantes. En poucos meses, a comunidade creceu ata chegar a uns 350 membros e as fotografías seguían o mesmo camiño -ata ter máis de 2.000 enviadas- . O coautor, ao ver a cantidade de material que se pasaba  -xunto ao que xa tiña el na casa e que nunca publicara- ponse en contacto con outros membros do grupo e chegan ao acordo de crear un libro recopilatorio.

O fotógrafo decide perfilar o contido do libro e divídeo en catro capítulos debido a temática común que mantiñan moitas das fotografías -das cales elixen 230- . E incorporase a cada parte un texto breve e ameno escrito por autores de Trasmiras ou cunha vinculación determinada ao concello. Neste caso contouse con escritores de diversas xeneracións, os cales lle deron un punto de vista moi deferente e persoal a cada capítulo. A división do libro é a seguinte:

  • "O álbum familiar" : recopila os típicos retratos de familia que todos gardamos de nosos pais, avós, primos... O texto que recolle o capítulo é obra de Pepe González.
  • "A infancia que coidar" : fotografías que representan a nenos e nenas xogando na rúa, indo á escola, quedando cos avós porque seus pais emigraran... A parte escrita é obra de Clara Martín.
  • "A maneira de traballar" : reflexa os distintos tipos de traballos que se realizaban na época -como ir á malla e a sega, tecer no liño, lavar a roupa no río, os taberneiros...- . O texto foi escrito por Xacobe Pato.
  • "O momento de gozar" : céntrase nas festas, romerías, celebracións no pobo, comidas familiares, xuntanzas entre amigos, bautizos e comunións... A parte literaria corre da man de Isaac Alonso Estrabiz.

Á hora da editar o libro, o autor contou co apoio financieiro do Concello de Trasmiras e coa editorial de Allariz, Aira das Letras, un dos poucos lugares nos que se poden mercar exemplares da obra -xunto ao estanco de Allariz e diversos bares de Trasmiras- .

Co diñeiro conseguido pola venta de "Memoria Temoeira" decídese organizar unha exposición con 33 fotos da obra, as cales foron elixidas minuciosamente según criterios de calidade visual. O mesmo día da presentación do libro inaugurarase a exhibición fotográfica na Casa da Cultura de Trasmiras, e as mostras quedarán alí ata novo aviso do concello, pois pasarán a ser propiedade do mesmo.

NOTICIAS A LIMIA | Memoria Temoeira recolle mediante fotografías medio século de Trasmiras