viernes. 04.10.2024

A seca non fai máis que agudizarse e os concellos buscan solucións para non ter que deixar á veciñanza sen suministro de auga. No Concello de Trasmiras, ante o incivismo dalgúns veciños, desde esta semana víronse na obriga de cortala entre as 22:00 e as 8:00 horas. Ademais, o contador principal do municipio estase revisando cada día e amósase que o consumo segue disparado, pese ás peticións municipais para facer un uso responsable da auga.

O Concello traballa na concienciación dos veciños para evitar maiores restricións, mentres busca alternativas. Para favorecer o curso da auga, están abrindo unha nova acometida para o depósito de Soutelo e así alimentalo cun maior bombeo, xa que é o principal suministrador dos núcleos de consumo. Deste xeito, trataríase de retrasar un posible vaciado do depósito.

A falta de precipitacións é a principal causante desta situación en Tramiras, pero o consumo desmedido dalgúns veciños non fai máis que agudizalo. A media de emprego diario supera os 470 metros cúbicos, con algúns días como o 31 de xullo ou o 4 de agosto nos que se superaron os 500. No contador do que se recollen estes datos hai 836 empadroados e, tendo en conta que a poboación no verán se pode chegar a duplicar, os números arroxan unha media de consumos de máis de 280 litros por usuario ó día. Isto supón que en Trasmiras se supera o dobre da media de auga que gasta un español, segundo os datos do INE, que se atopa en 133 litros por habitante diarios.

Os números son tan alarmantes que nalgunhas xornadas se chegan a consumir preto de 330 litros por veciño ó día, polo que desde o Concello inciden na necesidade de tomar conciencia e evitar un consumo excesivo "dun ben escaso" como é a auga. Apelan a esa responsabilidade individual para que se empregue de forma axeitada, especialmente nun verán que está a ser duro coa falta de choivas e cos incendios.

NOTICIAS A LIMIA | Trasmiras abre unha nova acometida para garantir o suministro de auga