A psicóloga ourensá propón fortalecer os vínculos afectivos para previr estas situacións

América Gamote abordará o acoso escolar na II Rebelión Docente en Xinzo de Limia

América Gamote, psicóloga ourensá.

América Gamote, psicóloga ourensá especializada en acompañamento emocional e prevención do acoso escolar, participará o próximo 18 de outubro na II Rebelión Docente, que se celebrará en Xinzo de Limia. Durante a súa intervención, centrará a súa atención en como o coidado emocional nas aulas pode axudar a detectar e previr situacións de acoso entre o alumnado.

 

Gamote é cofundadora de Brújula+, unha startup educativa galega que forma familias, profesorado e institucións na filosofía de Educación Real, creada pola educadora social Tania García. Desde esta iniciativa, aposta por un enfoque práctico e próximo: en lugar de aplicar máis sancións, busca dotar aos adultos que acompañan á infancia de ferramentas para apoiar, protexer e crear vínculos de confianza cos estudantes.

 

Ás 13:00 será a quenda de América Gamote.

 

 

Os datos máis recentes de Save the Children (2025) amosan que o 15,8 % do alumnado en España sofre acoso escolar varias veces ao mes, cifra que aumenta ao 21 % no caso de estudantes de orixe migrante. Gamote alerta de que estas situacións non se poden ignorar e que é preciso implementar novas estratexias de prevención.

 

A II Rebelión Docente reunirá en Xinzo de Limia profesionais de toda Galicia interesados en innovación pedagóxica e en mellorar a convivencia escolar, ofrecendo un espazo para compartir experiencias e boas prácticas educativas.

 

II Rebelión Docente en Xinzo de Limia.