Os Blancos e Xinzo participan na estratexia da Xunta fronte ao bullying
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, está a desenvolver o programa "Pasando a Bóla", unha iniciativa centrada na loita contra o acoso escolar que este curso chega a diversos centros da comarca da Limia. Entre os participantes destacan o CEIP Plurilingüe dos Blancos, no municipio de Os Blancos, e o CEIP Rosalía de Castro, en Xinzo de Limia. O proxecto busca dotar aos estudantes de ferramentas prácticas para identificar e resolver situacións de violencia ou exclusión nas aulas.
O programa basease nunha representación teatral participativa dirixida ao alumnado de 3º a 6º de Educación Primaria. Durante a actividade, os rapaces e rapazas non só asisten á obra, senón que interactúan cos personaxes e, ao remate, deben propoñer solucións pacíficas aos conflitos expostos. Esta metodoloxía fomenta o pensamento crítico e a empatía, permitindo que a comunidade educativa dialogue abertamente sobre o bullying e o ciberacoso. En total, a iniciativa alcanza este ano a 3.500 alumnos de 50 centros en toda Galicia.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa subliñou hoxe a importancia deste Plan Integral para garantir un clima seguro nos centros. Ademais destas actividades, a administración autonómica vén de asinar un acordo coa FEGAMP para poñer en marcha a nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar. Con esta medida, búscase reforzar a colaboración entre as institucións locais e educativas para avanzar na sensibilización, prevención e intervención temperá ante calquera caso detectado no ámbito rural e urbano.