O BNG fía o éxito nos concellos ao "pico e pala" diario e á proximidade radical fronte ás estratexias cosméticas de campaña
As eleccións municipais non se deciden nos quince días de campaña electoral nin se improvisan nos despachos dous meses antes de colocar as urnas. O éxito político no ámbito local é o resultado dunha carreira de fondo, un exercicio de persistencia diaria e, sobre todo, dunha credibilidade que só se conquista no corpo a corpo, na rúa e escoitando de verdade á veciñanza. Esta foi a tese central da intensa xornada informativa sobre política municipal organizada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Xinzo de Limia, un encontro que serviu para radiografar, a través de tres experiencias de goberno moi diferentes, a fórmula coa que a formación nacionalista logrou rachar con vellos feudos e consolidar maiorías absolutas inapelables tanto no rural profundo como nas vilas en transformación.
A cita, coordinada por Eva Villaverde, responsable da Área Nacional Municipal do BNG, reuniu aos alcaldes Rafael Pérez Vázquez (A Mezquita), Sandra González Álvarez (Tomiño) e Xosé Antonio Pérez Valado (Verea). Tres perfís políticos distintos, tres realidades xeográficas e demográficas distantes, pero unidos por unha mesma metodoloxía: a política de proximidade, o rigor institucional dende a oposición e a demolición paciente das estruturas de control social mediante a transparencia e a utilidade pública. Ao longo dunha hora de exposición e debate, os relatores debullaron os seus acertos, os seus erros e as claves estratéxicas que permiten construír un proxecto político hexemónico dende a base municipal.
O valor do traballo diario: A campaña permanente dende as institucións e a rúa
A xornada arrincou coa intervención de Eva Villaverde, quen encargouse de fixar o marco teórico e político sobre o que pivotaría todo o encontro. Na súa presentación, a responsable do BNG subliñou que estas xornadas parten dunha premisa bastante sinxela pero que ás veces esquécese no deseño das estratexias políticas: a campaña electoral prepárase no día a día ao longo dos catro anos que dura o mandato. Non hai atallos nin fórmulas máxicas que poidan substituír a presenza constante dunha organización local ao lado dos problemas reais da xente.
Eva advertiu, baseándose na experiencia acumulada polo BNG, que gobernar ou acadar a alcaldía non é unha consecuencia automática ou unha relación directa de traballar moito. Moitas veces, os colectivos locais vólcanse nun hiperactivismo sen estratexia que acaba xerando frustración cando os resultados electorais non acompañan. O segredo, subliñou, reside en facelo ben, con método e cunha orientación clara. Para que unha alternativa municipal sexa vista pola sociedade como unha opción real de goberno, precisa de planificación, constancia, coherencia e, de xeito moi especial, dunha narrativa propia e un xeito claro de comunicarse coa veciñanza.
A responsable nacionalista puxo en valor o inmenso e difícil traballo que realizan os grupos locais na oposición, que é onde se atopa a maior parte da organización no país. É precisamente dende a oposición onde se constrúe a credibilidade, se demostra a capacidade de xestión e se elabora unha mensaxe con prioridades claras para cada concello. Esta tarefa require tempo e unha gran proximidade física e emocional coa xente, algo que o BNG demostrou saber facer en realidades tan distintas como as que se presentaban na mesa de relatores. O obxectivo do encontro, concluíu, non era que os asistentes copiasen os exemplos de xeito acrítico, senón compartir aprendizaxes útiles, identificar erros cometidos para non repetilos e saír coa confianza reforzada nas posibilidades do municipalismo nacionalista.
Rafael Pérez: A resistencia do rural e o mito do "alcalde as 24 horas do día"
O alcalde da Mezquita, Rafael Pérez Vázquez, abriu a quenda de relatores achegando a visión máis cruenta, directa e honesta do que supón facer política nacionalista no rural profundo de Ourense. Pérez Vázquez, que ostenta o bastón de mando dende o ano 2011 nun municipio pequeno, disperso e fustigado polo despoboamento demográfico, personifica a constancia de quen tivo que construír un proxecto político dende a nada máis absoluta, enfrontándose a estruturas caciquís fortemente asentadas no territorio.
Cun discurso chan e desprovisto de artificios, o rexedor mezquitano explicou que no seu caso empezaron a facer oposición antes sequera de ter representación dentro da corporación municipal. Cun pequeno grupo de catro amigos, decidiron crear unha asociación local para organizar actividades culturais e deportivas que lles permitiran visibilizarse ante os seus conveciños e demostrar que había vida máis alá das institucións oficiais. Nun contexto onde o Partido Popular levaba doce anos gobernando con maiorías absolutas e onde, en palabras do propio alcalde, "mercábanse vontades", dar a cara nunha lista do BNG era un acto de valentía que moitos evitaban por medo a represalias ou por simple compracencia co poder establecido.
A base de insistencia, o grupo logrou conformar unha candidatura e entrar no concello para facer unha oposición "pico e pala" que, malia o que algúns sectores do partido opinaban nese momento sobre a suposta inutilidade do traballo nos plenos, resultou clave para minar a unidade interna do Partido Popular. Ese desgaste institucional fixo que a dereita fose incapaz de repetir a súa lista nas seguintes eleccións, abrindo unha fenda pola que o BNG comezou a avanzar de xeito decidido, pasando por coalicións complexas co PSOE e por mandatos convulsos nos que o propio Rafael Pérez superou unha moción de censura e chegou a ser investido de xeito rocambolesco cos votos do PP local tras unha escisión de independentes.
Proximidade sen filtros: O taxi como termómetro da realidade veciñal
Para o mandatario da Mezquita, a clave para revalidar a confianza da xente e acadar a maioría absoluta no ano 2019 non estivo no deseño de sofisticadas campañas dixitais, senón nunha dispoñibilidade absoluta e sen barreiras de cara aos veciños. O seu oficio de taxista outorgoulle un coñecemento cirúrxico das necesidades de cada aldea e de cada fogar, convertendo o seu vehículo nun espazo de escoita activa permanente e de debate político directo coa poboación maioritaria dun concello envellecido onde a prensa escrita ou internet non chegan con facilidade.
Pérez Vázquez acuñou durante a xornada unha definición gráfica e esixente do que implica o liderado local no rural galego, afirmando que "o alcalde ten que ser accesible as 24 horas, os 7 días e os 365 días do ano". Segundo relatou, non son estrañas as ocasións nas que un veciño o chama ás once da noite dun domingo para queixarse de que non sintoniza a canle da televisión galega, e a obriga do rexedor é coller o teléfono e dar unha resposta. Esa política de portas abertas e proximidade radical é a que, ao seu xuízo, humaniza as siglas políticas e desarma o clientelismo tradicional, porque os veciños descobren un alcalde de carne e óso que atende os seus problemas cotiáns sen poñer escusas nin dar longas.
O alcalde tamén abordou a tremenda dificultade que supón xestionar as expectativas da veciñanza cando se herda unha administración municipal crebada. O BNG atopouse na Mezquita cunha débeda económica que superaba o orzamento anual do propio concello, froito de anos de políticas populares baseadas no formigón e en obras faraónicas cuxo mantemento era insostible. Cambiar a mentalidade da xente e facerlles comprender que era necesario parar os investimentos en infraestruturas superfluas para poder pagar aos acredores e sanear as contas públicas foi un proceso pedagóxico moi complexo. Aínda que admitiu con honestidade que o desgaste do poder e a esixencia de mellorar a xestión se traduciron nunha perda de concelleiros nos últimos comicios, o rexedor mezquitano pechou a súa intervención cunha declaración de intencións rotunda: "Seguiremos loitando e seguiremos presentándonos".
Sandra González: A estratexia de Tomiño e a infalibilidade das distancias curtas
No extremo suroccidental de Galicia, na fronteira fluvial con Portugal, Sandra González Álvarez lidera dende o ano 2007 unha das experiencias de goberno municipal máis sólidas, transformadoras e lonxevas do Bloque Nacionalista Galego. Fronte ao relato máis intuitivo e de resistencia da Mezquita, a alcaldesa de Tomiño achegou unha visión fundamentada na planificación estratéxica, na modernización das políticas públicas e no control do relato político dende os anos nos que o seu grupo traballaba dende os bancos da oposición.
González Álvarez explicou que a chegada do BNG á alcaldía de Tomiño non foi froito do azar nin dunha carambola improvisada, senón a consecuencia dun relevo xeracional planificado e dun traballo orgánico previo de máis de dez anos picando pedra. Nun concello de 14.000 habitantes caracterizado por unha dispersión poboacional pura que comezaba a conformar un núcleo urbano, o Partido Popular levaba vinte e catro anos gobernando con comodidade. Cando ela asumiu a candidatura con apenas 32 anos, os alcaldes veteranos da comarca referíanse a ela con paternalismo como "Sandriña" ou "a rapariga esta", un menosprezo que o BNG aproveitou ao seu favor amosando un rigor técnico e unha seriedade institucional que desarmou por completo aos seus adversarios.
A estratexia de Tomiño dende a oposición baseouse nun principio fundamental: non ir a remolque da axenda do Partido Popular nin disparar a todo o que se movía. Sandra González suliñou que os grupos municipais cometen a miúdo o erro de querer fiscalizar absolutamente cada detalle menor, perdendo a capacidade de fixar unha mensaxe nítida e comprensible para o electorado. O BNG en Tomiño seleccionou unicamente catro ou cinco temas estruturais de alto interese veciñal —o polígono industrial, as infraestruturas viarias, o estado dos colexios públicos— e machacou sobre eles de xeito sistemático en cada pleno e en cada boletín. Deste xeito, cando o goberno do PP comezou a esfarelarse polas súas propias disputas internas polo poder, a veciñanza identificou de xeito automático ao BNG como a única oposición seria, crible e solvente capaz de coller as rendas do concello.
O método dos 'Cafés para cinco': Mobilización sen filtros dixitais
Un dos momentos máis enriquecedores da crónica desta xornada foi a explicación que a alcaldesa de Tomiño fixo sobre os métodos de comunicación política. Sandra González cualificou de "impepinable" o uso das redes sociais na actualidade, admitindo que malia que a nivel persoal lle poida resultar incómodo ter que gravar vídeos de xeito constante, é unha ferramenta obrigatoria para non vivir de costas á realidade social. Porén, alertou contra o perigo de caer na banalización do cargo institucional, criticando a aqueles alcaldes que actúan como tiktokers a tempo completo no seu lugar de centrarse na xestión interna do municipio.
Como contrapeso á frialdade do algoritmo dixital, o goberno de Tomiño deseñou e institucionalizou unha estratexia de comunicación directa que se converteu nunha máquina de fidelización electoral: os 'Cafés para cinco'. A diferenza das tradicionais reunións veciñais organizadas polo partido, esta dinámica consiste en que un militante, simpatizante ou veciño convida á alcaldesa á súa propia casa de xeito informal, sendo o anfitrión quen elixe e xestiona a lista de convidados entre os seus amigos e veciños do barrio. Este matiz organizativo evita os celos e os enfados institucionais que se producen cando o concello decide a quen convidar e a quen non.
"Nas distancias curtas somos moi bos porque o que dicimos é sensato e razoable", afirmou Sandra González
A alcaldesa suliñou que estes encontros arredor dunha mesa de cociña, sen cámaras nin notas de prensa, permiten poñer en práctica unha escoita activa real, anotando queixas e explicando as limitacións orzamentarias con total honestidade. Ao longo de varios meses de roldas de cafés, o proxecto político logra interactuar cara a cara con centos de persoas que despois actúan como altofalantes e multiplicadores da mensaxe gubernamental en cada parroquia, construíndo unha blindaxe social que permitiu ao BNG encadear maiorías absolutas de ata once concelleiros nun municipio demograficamente complexo.
Xosé Antonio Pérez: A paciencia histórica de Verea e a conquista do sete de sete
O broche de ouro ás exposicións municipais púxoo Xosé Antonio Pérez Valado, alcalde de Verea, un concello rural de interior que hoxe roza os 1.000 habitantes. O relato de Pérez Valado supón unha auténtica lección de paciencia democrática, constancia e implantación territorial. Achegado ao nacionalismo aos 23 anos pola súa fonda ligazón coa terra, o hoxe alcalde botou nada menos que vinte anos exercendo o labor de oposición dende os bancos do BNG antes de conseguir acceder ao goberno municipal no ano 2019.
Pérez Valado describiu como cambiaron as dinámicas de enfrontamento político en Verea dependendo de quen estivese á fronte do goberno local. Durante os anos de hexemonía do Partido Socialista, a estratexia tivo que ser extremadamente medida para non aparecer ante a veciñanza como un elemento bloqueador, dado que o electorado sabía que os votos do BNG serían necesarios para manter un goberno de esquerdas. Cando o Partido Popular asumiu o mando cunha maioría absoluta, o panorama mudou e o Bloque centrou os seus esforzos en "buscar a greta do alcalde", localizando as debilidades específicas do mandatario de quenda para construír sobre elas unha alternativa política crible.
O gran acerto da oposición en Verea, explicou o rexedor, foi fuxir das grandes proclamas ideolóxicas abstractas e centrarse en denunciar inxustizas económicas moi tanxibles para a vida diaria dos veciños. O cabalo de batalla do BNG durante anos foi o soldo "abusivo" que cobraba o entón alcalde popular. A organización local editou boletíns informativos onde lle facía as contas á veciñanza de xeito minucioso, explicándolles con cifras reais que co diñeiro que se destinaba a pagar o salario do rexedor se podería financiar e soster un servizo de transporte público municipal que conectase as parroquias illadas. Esta campaña logrou calar de tal xeito na conciencia colectiva que erosionou por completo a credibilidade do PP, deixando ao BNG ás portas da maioría absoluta en varias eleccións por apenas unha decena de votos.
Unha corporación unánime: A comodidade de gobernar sen oposición
A constancia e o rigor do nacionalismo en Verea tiveron a súa recompensa definitiva no ano 2019 cando empataron en concelleiros co Partido Popular. Nese momento, o BNG conformou un goberno de coalición cun candidato do PSOE que, lonxe de xerar as friccións habituais noutras latitudes, integrouse de xeito tan pleno e harmónico na dinámica de traballo do Bloque que hoxe en día forma parte oficial do equipo de concelleiros do BNG. O colapso interno do PP local, que quedou sen candidato e sen proxecto ante o avance nacionalista, deixou o camiño libre para que nas eleccións de 2023 o BNG lograse un fito histórico case único no país: facerse cos sete concelleiros que integran a corporación municipal, asumindo o poder absoluto sen un só membro da oposición nos bancos de enfrente.
Con sutil ironía, Pérez Valado respondeu á pregunta formulada por Eva Villaverde sobre se resultaba aburrido exercer o liderado nun concello sen oposición política. "Non, non é aburrido; é moi cómodo", respostou o alcalde, quen explicou que a ausencia de interrupcións ou debates estériles fixo que os plenos municipais perderan a súa carga de tensión escénica. De feito, relatou que en moitas ocasións a corporación nin sequera utiliza o salón de plenos oficial, optando por sentarse arredor da mesa de reunións do despacho de alcaldía para despachar os asuntos ordinarios do concello con total axilidade administrativa.
Máis alá da anécdota, o rexedor de Verea fixo fincapé en que para consolidar unha maioría de semellante magnitude é imprescindible que a veciñanza visualice o cambio de modelo dende o primeiro minuto de xogo. O BNG cumpriu a súa palabra dada na oposición e, no seu primeiro ano de goberno, utilizou o aforro do soldo institucional para poñer en marcha o prometido servizo de transporte público municipal, demostrando que as súas críticas non eran simple demagoxia de campaña, senón un programa de goberno perfectamente executable. Contar ademais coa complicidade dun equipo técnico e administrativo dentro do concello que entenda e respecte o proxecto político é, segundo a súa experiencia, outro dos factores de éxito que permiten transformar as ideas en realidades transformadoras.
Debate final: A coherencia como escudo ante o desgaste institucional
O encontro en Xinzo de Limia pechouse cunha mesa redonda na que Eva Villaverde espoleou aos tres relatores a reflexionar sobre o concepto da credibilidade e o momento exacto no que unha organización local deixa de ser percibida como un grupo de protesta para converterse nunha alternativa real de goberno aos ollos da sociedade. As respostas de Rafael Pérez, Sandra González e Xosé Antonio Pérez Balado confluíron nunha mesma idea: a credibilidade non se compra con campañas de mercadotecnia de última hora, senón que se sementa mantendo a coherencia entre o que se defende cando se está na oposición e o que se executa cando se asume o bastón de mando.
Os alcaldes coincidiron en que o electorado galego é intelixente, ten pensamento propio e penaliza con dureza a incoherencia e a falsidade. Rafael Pérez incidiu en que non basta con parecer honrado, senón que hai que dar argumentos técnicos de como vas a cumprir a túa palabra para que a xente confíe en ti. Sandra González reiterou a importancia de amosar solvencia e especialización nalgúns temas estratéxicos, mentres que Pérez Valado suliñou que para gañar unhas eleccións hai que saber capitalizar e visibilizar as debilidades do adversario a través dun relato alternativo construtivo e sólido. A xornada municipalista do BNG deixou claro en Xinzo de Limia que o éxito das súas maiorías absolutas non responde a fenómenos de moda dixitais, senón a un modelo de xestión solvente, pegado á terra e cunha vocación inquebrantable de servizo público as vintecatro horas do día.