martes. 08.10.2024

O Bloque Nacionalista Galego de Xinzo de Limia presentou, a través do seu voceiro Camilo Vila, unha moción no Concello para propoñer a organización dunha "proba popular que poña en valor a irmandade da nosa terra coa bicicleta e que honre ó veciño deportista Carlos Canal". 

A bicicleta ten sido defendida polo BNG limiao coma "unha oportunidade de futuro" e lamenta que teña sido discriminada dende o Consistorio facendo desaparecer, por exemplo, o tradicional "Día da bici" que agora as nacionalistas queren recuperar. A bicicleta, que fora símbolo do proxecto electoral co que o BNG se presentou ás últimas eleccións municipais, é defendida coma un perfecto medio de transporte na vila e nas aldeas para o que cómpren infraestruturas que o permitan. 

Camilo Vila e Manuel Pozo na terceira etapa da Volta Galicia.
Camilo Vila e Manuel Pozo na terceira etapa da Volta Galicia.

 

Camilo Vila considera que Xinzo ten os ingredientes perfectos para que a idea sexa exitosa posto que "temos a orografía perfecta que combina chaira e monte, temos o Clube Ciclista Antelano e o BTT Nocelo como referentes das dúas rodas e temos a Carlos Canal, profesional do ciclismo cunha carreira brillante". Así, o BNG defenderá no próximo pleno a idoneidade da celebración dunha proba popular que mobilice á poboación local baixo o nome de Carlos Canal coma merecida homenaxe. 

Remata Vila defendendo a coherencia da súa medida: "Queremos que este Concello teña unha liña de traballo recoñecible que poña o foco na xente e non nos seus gobernantes".

O BNG pide unha proba ciclista na honra de Carlos Canal