Propostas de xestión para a modificación orzamentaria

O BNG propón investir os 100.000 euros do MUGAE en accesibilidade para o pavillón | NOTICIAS XINZO

Manuel Pozo e Camilo Vila nun dos plenos do Concello de Xinzo de Limia. | FOTO: Noelia Caseiro.

Ante a previsión dunha modificación de crédito por parte da Deputación de Ourense que afecta directamente ao Concello de Xinzo, o grupo municipal do BNG trasladou unha proposta para priorizar a accesibilidade no polideportivo municipal. O voceiro da formación, Camilo Vila, cualificou esta actuación como unha "demanda xusta e urxente", sinalando que as actuais instalacións, fundamentais para as categorías de base e a competición oficial, aínda non están debidamente adaptadas.

Dende o BNG denúnciase que, no ano 2026, todavía existen barreiras que discriminan a unha parte da poboación, desatendendo as leis de inclusión e vetando o uso pleno do pavillón a persoas con problemas de mobilidade. Neste sentido, a formación pon o foco na partida de 100.000 euros que está previsto destinar ao Museo Galego do Entroido. O voceiro nacionalista lembrou que o seu grupo sempre defendeu un servizo de apertura continuada durante todo o ano para esta institución, considerando que este debe ser o obxectivo prioritario.

A proposta nacionalista busca un equilibrio na xestión dos recursos provinciais, solicitando que se atendan as deficiencias de accesibilidade antes de acometer actuacións de carácter estético ou renovación de equipamentos non urxentes. Con esta iniciativa, o BNG pretende asegurar que os fondos da Deputación redunden na eliminación de barreiras e na mellora dos servizos básicos para os veciños do municipio de Xinzo.