O Concello pon en marcha o novo horario de inverno da Biblioteca Antelana tras a reforma integral da Casa da Cultura | NOTICIAS XINZO
A Biblioteca Municipal Antelana de Xinzo de Limia abre unha nova etapa cun horario de inverno actualizado e cun espazo totalmente modernizado, froito dunha reforma integral impulsada pola Concellería de Cultura. A mellora súmase á renovación da Casa da Cultura, que experimentou un amplo programa de obras para reforzar a accesibilidade e actualizar as instalacións culturais do municipio.
A Biblioteca Antelana, inaugurada en 1956 e próxima a cumprir setenta anos, foi obxecto dunha remodelación que inclúe novo mobiliario, equipamento renovado e, como principal novidade, a posta en marcha dunha Aula de Estudo permanente. Este espazo, operativo de luns a venres durante dez horas ao día, xa está a rexistrar unha notable demanda, con 465 préstamos contabilizados só entre xullo e agosto.
O novo horario de inverno para préstamos e devolucións será o seguinte: luns e venres en horario de mañá, de 10:30 a 13:00 horas, e de luns a venres en horario de tarde, de 15:30 a 20:45 horas. Pola súa parte, a Aula de Estudo abrirá de 09:00 a 14:00 e de 15:30 a 20:45 horas.
En paralelo, a Casa da Cultura foi sometida a unha profunda remodelación cun investimento de máis de 110.000 euros, financiados pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e polo propio Concello. As actuacións incluíron a reforma de oficinas e aulas, a instalación dun ascensor, melloras en aseos, zonas comúns e sala de exposicións, así como a renovación técnica e estética do salón de actos.
O goberno local traballa agora nun plan a medio prazo para completar o acondicionamento do resto de aulas e da planta baixa, co obxectivo de crear novos espazos polivalentes que respondan ás necesidades socioculturais actuais.
Como parte desta aposta pola cultura, a Casa da Cultura acolle nestas datas unha exposición conmemorativa das 40 edicións das Xornadas de Folclore, unha mostra que cobra especial relevancia neste 2025 no que o evento non puido celebrarse en Xinzo debido aos incendios rexistrados en agosto na provincia.