O Concello e Teatro Aneis alíanse para dinamizar o Nadal
A programación de Nadal en Xinzo de Limia reforza este ano o seu carácter participativo e descentralizado grazas a unha estreita alianza entre a administración local e o tecido asociativo, con Teatro Aneis como un dos grandes protagonistas. O obxectivo é dobre: potenciar a base teatral entre os máis pequenos e garantir que a oferta cultural chegue a todos os recunchos do municipio.
O alcalde, Amador Díaz, reivindicou o papel fundamental destas entidades durante a presentación das actividades: "As asociacións e os colectivos da vila son o verdadeiro motor de Xinzo. Sen a súa enerxía, a súa constancia e o seu compromiso diario, sería imposible ter a vida cultural e social que temos".
O calendario de actividades conxuntas iníciase xa este domingo, 14 de decembro, ás 17:00 horas na Casa da Cultura. O escenario acollerá o I Festival de Nadal, un evento impulsado pola ANPA do CEIP Carlos Casares que nace con vocación de continuidade.
Nesta cita, Teatro Aneis exhibirá o traballo formativo realizado durante o curso nas actividades extraescolares, poñendo en valor a "canteira" cultural da vila. O evento destaca pola unión de forzas locais, contando tamén coa colaboración da ANPA do CEIP Rosalía de Castro, Dxartem, Fusión Fitness e Coeducontando.
Tras a estrea infantil, a programación estenderase aos núcleos rurais a través do ciclo "Nadal nos Pobos". Teatro Aneis, traballando cóbado con cóbado coa Agrupación Musical da Limia, despregará unha caravana festiva para levar música, humor, teatro e agasallos aos centros sociais das parroquias, recuperando o contacto directo coa veciñanza.
A axenda desta xira estrutúrase en tres xornadas:
-
Sábado 20: Baronzás, Morgade, San Pedro e Laroá.
-
Luns 22: Rebordechá, Boado, Mosteiro e Ganade.
-
Martes 23: Gudín, Parada de Ribeira e Piñeira Seca.
Recoñecemento a 30 anos de traxectoria
Esta colaboración serve tamén como homenaxe institucional a Teatro Aneis e ao seu director, Manolo Fontemoura, cando o grupo se achega ás tres décadas de vida. O Concello defíneos como embaixadores culturais imprescindibles pola súa constante dispoñibilidade. "O Concello está para apoiar e facilitar, pero son eles os que fan que as cousas pasen, e Aneis é un exemplo perfecto diso levando trinta anos a traballar por Xinzo", concluíu o rexedor.