A CIG forzou a que a empresa, Andara Servicios Generales, renuncie á xestión do servizo

O Concello de Xinzo terá que repetir o concurso do SAF tras a retirada da adxudicataria

Casa do Concello de Xinzo de Limia.

A Confederación Intersindical Galega (CIG) presentou un recurso diante do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) contra a proposta de adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Xinzo de Limia á empresa Andara Servicios Generales. O sindicato considerou temeraria a oferta económica presentada, de 14,60 euros por hora, unha cantidade moi inferior ao prezo recollido no convenio, que se sitúa entre os 23 e 24 euros.

 

Tras a presentación do recurso, a compañía decidiu renunciar á xestión do servizo, polo que o Goberno local deberá iniciar un novo procedemento de licitación, incrementando o custe inicialmente previsto.

 

O TACGal desestimou o recurso da CIG ao entender que se presentara contra a acta de proposta de adxudicación, que non constitúe un acto cualificado, instando o sindicato a formalizalo de novo cando se producise o acordo definitivo. Non obstante, a empresa renunciou á súa pretensión unha vez que o Concello lle notificou o recurso e lle solicitou documentación sobre a oferta económica.

 

Ao ser Andara a única empresa que concorreu ao concurso, a súa retirada deixa agora ao Concello na obriga de convocar unha nova licitación. Desde a CIG-Servizos destacan que a súa acción responde á defensa das condicións laborais das traballadoras do SAF e advirten de que continuarán fiscalizando procesos semellantes.

 

"Os concellos teñen que poñer fin a este tipo de prácticas para garantir un servizo de calidade e con salarios dignos", sinalou o responsábel de Organización da federación, Pedro Pérez, quen lembrou que "a oferta máis beneficiosa para a Administración nunca é a mellor para as persoas traballadoras nin usuarias".