O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, inaugurou este mércores no Centro Cultural Marcos Valcárcel a Xornada Municipal sobre Comunidades Cidadás de Enerxía e Mobilidade Eléctrica, un encontro dirixido aos concellos da provincia co obxectivo de dar a coñecer ferramentas, experiencias e solucións prácticas para avanzar cara a un modelo enerxético máis sostible e eficiente.
No acto de apertura, Menor agradeceu a ampla participación dos representantes municipais e defendeu que a xornada responde á vontade da institución provincial de acompañar aos concellos nun proceso de transformación que, segundo indicou, "vai moito máis alá dunha cuestión tecnolóxica, xa que representa unha oportunidade para mellorar os servizos públicos, reducir custos e reforzar a competitividade dos municipios".
O presidente provincial incidiu nas fortalezas do territorio ourensán para afrontar este reto, destacando a capacidade de xeración enerxética, os recursos naturais e o talento local. Nesta liña, reivindicou o papel protagonista do rural na transición enerxética e apostou por modelos de autoconsumo compartido e mobilidade sostible, lembrando que "durante demasiado tempo moitas innovacións chegaron primeiro ás cidades", pero que agora Ourense ten "a oportunidade de situarse na vangarda deste cambio".
Ao longo da mañá, os asistentes puideron coñecer distintas experiencias e casos de éxito, con relatorios sobre comunidades enerxéticas municipais, mobilidade sostible e ferramentas específicas para os concellos. Entre os exemplos prácticos presentados destacaron a implantación dunha comunidade cidadá de enerxía en Jaraíz de la Vera (Cáceres) e o proxecto Rural MOVE desenvolvido no concello ourensán de San Xoán de Río.
A xornada concluíu cun chamamento á cooperación institucional e ao intercambio de coñecemento para aproveitar as oportunidades que ofrece a transición enerxética como motor de desenvolvemento económico, aforro e innovación para o conxunto da provincia.
