Unanimidade dos alcaldes ante a grave situación

Fronte común na Limia para pedir axuda polos 4 millóns de euros estragados nas inundacións | NOTICIAS XINZO

Alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia durante a xuntanza de urxencia mantida no salón de plenos de Xinzo de Limia.

Os alcaldes e alcaldesas da comarca da Limia protagonizaron este luns unha xuntanza de urxencia no salón de plenos do Concello de Xinzo de Limia co obxectivo de escenificar unha unidade de acción sen fisuras ante a crise provocada polo clima. O bloque comarcal acordou solicitar unha reunión urxente co presidente da Xunta de Galicia para abordar o financiamento da reconstrución das infraestruturas públicas, gravemente afectadas pola sucesión de temporais e as intensas choivas das últimas semanas. Os rexedores consideran imprescindible que o Goberno galego se involucre de xeito directo, xa que a magnitude dos estragos sobrepasa a capacidade económica das arcas municipais.

As valoracións técnicas realizadas ata o momento sitúan o custo das reparacións por riba dos 4 millóns de euros no conxunto do territorio. Malia que a maioría dos municipios fixeron os trámites para acceder ao plan de axudas do Goberno do Estado, estas partidas están limitadas a un máximo do 50% do custo das actuacións. As autoridades locais advirten que esta porcentaxe resulta insuficiente para a realidade do rural, xa que os concellos non poden asumir a outra metade do investimento sin comprometer gravemente a súa estabilidade financeira. Por este motivo, a fronte común estenderá tamén as súas demandas á Deputación de Ourense para procurar unha implicación coordinada entre as tres administracións.

A alianza comarcal consolidan un bloque que representa á práctica totalidade da zona. A estratexia reivindicativa está integrada actualmente polos concellos de BaltarCalvos de RandínOs BlancosPorqueira, Rairiz de VeigaSandiásSarreausTrasmirasVilar de BarrioVilar de SantosXinzo de Limia e Xunqueira de Ambía. O territorio fala hoxe cunha soa voz para esixir que se recoñeza a gravidade da situación das pistas, accesos e infraestruturas públicas, garantindo así a seguridade e a mobilidade de toda a veciñanza.