viernes. 04.10.2024

Ramiro Rodríguez é militante do BNG desde o ano 2000, foi concelleiro en cinco mandatos desde que entrou na corporación no 2004, deputado provincial entre 2015 e 2019 e, na actualidade, concelleiro de Cultura no goberno cuatripartito de Xinzo de Limia, a primeira experiencia no poder.


Pódese traballar desde o goberno para se diferenciar como opción política dos socios de goberno?
Eu creo que conscientemente non. Creo que o obxectivo non é buscar a diferenciación. Creo que o que hai que intentar, particularmente na área de Cultura, é facer as cousas ben; non buscar diferenciarse polo feito de diferenciarse. Non fai falta. O que temos é que pensar nos veciños e nas veciñas e a partir de aí, cando cheguen as eleccións, xa veremos o que pasa. Ao final cada un estaremos onde nos poñan os veciños. Nós o que queremos é presentar un balance positivo desde todo o goberno e, en concreto, desde a concellería que nos tocou levar. 


Nese balance, que pode dicir o BNG que fixo mellor, dentro das súas competencias, que o resto do goberno?
Eu non percibo nada específico que non se fixera noutras áreas que nós tiveramos feito doutra maneira. Hai moitas decisións diarias que cada un tomamos dentro das nosas competencias que, ao mellor, no caso de levar outra concellería, eu tivera tomado doutra maneira. O que si que teño claro, ou polo menos é o que percibín e percibo, é que desde todas as áreas é que cada un intenta tomar sempre a decisión máis responsábel e máis beneficiosa para as veciñas e os veciños. Seguramente hai cousas que eu cambiaría do funcionamento interno do Concello que eu cambiaría, pero que a maquinaria institucional fai moi difícil cambiar. 


En cuestións como o peche da piscina climatizada, a posibilidade de mudar a Feira ou a polémica pola peonalización da rúa San Roque, decisións que tomaron noutras áreas, pensa que o desgaste político vai afectar por igual a todas as formacións que compoñen o goberno?
Eu parto dunha premisa: moitas veces quen fai máis ruído non é quen máis razón ten. Hai moitas cousas que non se fixeron todo o ben que se puideron ter feito, e eses son algún exemplos; pero estamos nunha sociedade na que se xera moitisimo ruído. E, despois, ese ruído non ten un custe á hora de valorar unha xestión que podes facer de xeito máis global. No caso da posibilidade de mudar a Feira, pois aquela decisión veu dada polas circunstancias, e agora hai un debate entre posicións a favor de volver á situación anterior e posicións que din que está mellor onde está...


Ese debate está dentro do goberno?
Refírome na sociedade. Dentro do goberno non. Porque dentro do goberno entendemos que a situación que tiñamos tampouco era a máis ideal, e aínda que a Feira levase anos facéndose así, pois iso tiña moitas carencias desde moitos puntos de vista. Por exemplo, da seguridade. A pandemia permitiunos ver que hai outras formas de facer a Feira. 


Tamén hai consenso dentro do goberno no caso da peonalización do casco vello?
Loxicamente calquera cousa que estea asentada desde hai moitos anos e intentes cambiar, aínda que sexa para ben, como no caso da peonalización do Barrio de Abaixo. Aínda que é unha media que a nivel global todos os veciños verían con bos ollos, se lle preguntas só aos afectados... Moitas veces é non ver máis alá do que levamos facendo toda a vida. Hai temas como o da peonalización que son claramente beneficiosos, que se ten experimentado noutras cidades, que tamén houbo resistencias ao principio, pero que a medio e a largo prazo todo o mundo está contento. 

O BNG NO GOBERNO. 👉🏽 Creo que o obxectivo non é buscar a diferenciación. Non fai falta. O que temos é que pensar nos veciños e nas veciñas e a partir de aí, cando cheguen as eleccións, xa veremos o que pasa. Ao final cada un estaremos onde nos poñan os veciños.

O BNG E A FEIRA. 👉🏽 Dentro do goberno entendemos que a situación que tiñamos tampouco era a máis ideal, e aínda que a Feira levase anos facéndose así, pois iso tiña moitas carencias desde moitos puntos de vista. 

O BNG E A PEONALIZACIÓN. 👉🏽 Hai temas como o da peonalización que son claramente beneficiosos, que se ten experimentado noutras cidades, que tamén houbo resistencias ao principio, pero que a medio e a largo prazo todo o mundo está contento. 


Decisións coma estas definen un estilo de goberno...
Esas resistencias sempre as vai haber. Eu creo que non se pode gobernar en base a un criterio que che poida marcar un grupo de Facebook ou unha reunión onde veñen catro e están representadas pois as persoas que están representadas.


Desde fóra dá a impresión de que hai decisións que toma Elvira Lama ou o seu equipo de comunicación, como a de non informar o peche da piscina climatizada... até que se publica nos medios, concretamente, neste medio, e que despois o resto do goberno ten que apandar con elas. 
Non. Non son decisión que toma Elvira Lama. Cada concelleiro ten autonomía para decidir dentro da súa área de responsabilidade. Pasa en Cultura e pasa en Deportes, que está xestionada por un concelleiro do PSOE. Loxicamente dentro do goberno explícanse, hai uns motivos para tomalas. Unha destas cousas que pasou nestes catro anos é que non vin ningunha decisión caprichosa. En todas as áreas, un dos condicionantes máis importantes é o tema económico, que condiciona moitas decisións. Seguramente Elvira e o concelleiro de Deportes, se por el fose, tería aberta a piscina climatizada todo o ano. E tería catro ou cinco persoas máis para abrir a outra.

Polo que conta, a coordinación segue existindo dentro do goberno e non empezan a primar os intereses electorais, lexítimos en calquera caso, a dez meses das próximas municipais?  
Eu non aprecio diferencias na coordinación que existe agora coa que existía hai uns meses e que vén existindo desde o principio do mandato. A colaboración entre todos e boa. Non atopo atranco ningún para levar adiante o funcionamento da concellería de Cultura. 

Ramiro Rodríguez concelleiro do BNG Xinzo de Limia. Bloque. Cultura (2) (FILEminimizer)
Ramiro Rodríguez subliña que a coordinación no goberno cuatripartito de Xinzo segue sendo a mesma que ao principio do mandato.


O BNG E OS SEUS SOCIOS. 👉🏽 Unha destas cousas que pasou nestes catro anos é que non vin ningunha decisión caprichosa. 

O BNG NA CONCELLERÍA. 👉🏽 Hai moitos obxectivos que non se puideron levar a cabo. Teriamos precisado máis medios económicos e humanos para levar adiante proxectos que tiñamos en mente. 

Que lle parece, como concelleiro de Cultura, a reapertura do Museo do Entroido, competencia da Deputación? 
Creo que imos de parche en parche. Mire, nós, o goberno municipal de Xinzo, fixemos xestións para integrar o museo na Rede de Museos da Xunta; pero atopámonos con que para que iso suceda, o museo ten que estar aberto permanentemente. A pelota está no tellado da Deputación. Iso é o primeiro, que o Museo do Entroido estea aberto de forma continuada e coa xestión en mans dunha empresa que poida desenvolver un proxecto a medio prazo. Tamén valoramos a posibilidade de recuperar o museo para o Concello, aínda que a situación financeira do Concello non teña mudado moito a respecto do 2018. 


Esa reversión vai estar no programa do BNG de Xinzo en 2023? 
Esa opción ten que estar enriba da mesa. Agora toca darlle un voto de confianza á Deputación. Se non cumpre, de cara ao próximo mandato haberá que buscar unha fórmula para que o Museo do Entroido funcione.


Cal é a valoración que fai o BNG de Xinzo da súa participación neste goberno durante os tres anos pasados? 
Houbo unha pandemia. Foi unha situación especial. Hai moitos obxectivos que non se puideron levar a cabo. Despois hai que ter en conta outro factor, a situación económica do Concello de Xinzo. Penso que afecta particularmente á concellería de Cultura, que é unha concellería que sempre estivo infradotada. Con todos os condicionantes económicos e técnicos, refírome á elaboración dos orzamentos, poñerlle remedio a iso. Teriamos precisado máis medios económicos e humanos para levar adiante proxectos que tiñamos en mente. 

Ramiro Rodríguez concelleiro do BNG Xinzo de Limia. Bloque. Cultura (3) (FILEminimizer)
Ramiro Rodríguez, no Xpazo, sede do Diario do Limia, esta semana.

Que valoración fai vostede da súa participación no goberno despois de tantos anos sendo a cara visíbel do BNG na oposición? 
A valoración é positiva. Viñamos dunha situación na que as noticias creábaas o propio goberno coas súas divisións internas e os problemas do alcalde. Rematamos con todo iso. Parecía difícil coordinar un cuatripartito. Pero tiñamos moi claro que non podiamos repetir a situación anterior. Claro, en catro anos é moi difícil darlle unha volta a cousas que se arrastran desde hai décadas. Pero déronse pasos, intentamos sentar as bases... É algo que hai que consolidar nas próximas eleccións para que cousas que se puxeron en marcha empecen a dar froitos.


Antes de renovar o pacto, como suxire, hai eleccións. Nesta mesma sala do Xpazo, Amador Díaz xa expuxo ás súas pretensións, aspira á alcaldía que ostenta Elvira Lama... cales son as aspiracións do BNG?
A aspiración de calquera candidato é a alcaldía. Desde ese punto de vista son aspiracións normais. O candidato do BNG tamén aspirará á alcaldía. Nós o que percibimos é que podemos mellorar, que temos capacidade de aumentar apoios. Na medida en que poidamos aumentar apoios, seremos máis decisivos nun posíbel goberno de coalición que se poida repetir. Para nós ese é o obxectivo. Non é ter o poder polo poder ou acceder á alcaldía polo feito de ser alcalde; senón ter o poder para desenvolver un proxecto para traballar en favor das veciñas e dos veciños. E iso podémolo facer desde a alcaldía, pero tamén o podemos facer, polo menos así o sinto, desde a concellería de Cultura e desde máis ámbitos do goberno, con máis concelleiros.  

O BNG E O CANDIDATO. 👉🏽 Escoitarei á militancia do BNG antes de postularme como candidato.

O BNG E AS MUNICIPAIS 2023. 👉🏽  Na medida en que poidamos aumentar apoios, seremos máis decisivos nun posíbel goberno de coalición que se poida repetir. Para nós ese é o obxectivo. Non é ter o poder polo poder ou acceder á alcaldía polo feito de ser alcalde.


Pensa que o BNG debe apostar por reeditar o pacto co PSOE e con Amador Díaz?
Non é a intención do BNG favorecer de ningunha maneira que o Partido Popular poida volver a gobernar o Concello de Xinzo. Veremos o que sae das eleccións. Desde logo eu case estou convencido de que se se pode, volverase reeditar o cuatripartito ou tripartito.


Vai continuar vostede como candidato do BNG á alcaldía de Xinzo?
Ese é un debate que se ten que dar na asemblea local, e que se terá que dar no seu momento. Non pode atrasarse moito. A asemblea local falará e de aí sairá o candidato. Vou estar sempre a disposición da militancia de Xinzo e do BNG, sexa quen sexa o candidato, que é o menos importante desde o meu punto de visto. Non é un debate de nomes. 


Mais cal é a súa predisposición neste momento?
Neste momento non teño ningunha decisión persoal tomada. Escoitarei á militancia do BNG antes de postularme como candidato. Nestes vinte anos sempre estiven a disposición do proxecto do BNG, e desde logo eu vou seguir apoiando e colaborando. Sempre tiven ese apoio, dareillo quen me suceda ou volvereino pedir se volvo ser eu o candidato.  

ENTREVISTA | “Se se pode, volverase reeditar o cuatripartito ou tripartito”