A vila viaxa aos anos cincuenta

A Feira das Mozas cumpre un lustro cunha programación de 14 actividades | NOTICIAS XINZO

Presentación da nova edición da Feira das Mozas no Concello de Xinzo de Limia.

A vila de Xinzo de Limia prepárase para celebrar o vindeiro sábado 9 de maio a 5ª edición da Feira das Mozas, unha recreación histórica que cumpre o seu primeiro lustro consolidada como un referente da tradición local. A Asociación Cultural “A Pantalla”, en colaboración co Concello de Xinzo de Limia, deseñou unha programación que pon o foco no reforzo dos saberes tradicionais e na ampliación do público infantil, recreando a estética e o ambiente dos anos 50.

Como principal novidade desta edición, habilitarase unha nova área de xogos na Praza dos Ovos (Praza Xoán XXIII), onde se desenvolverán obradoiros de máscaras e cabezudos e a representación da obra "O Circo Galaico" de Títeres Alacrán ás 17:00 horas. Esta aposta pola cativada compleméntase co crecemento do 4º Mercado de Artesanía na rúa dos Viños, que este ano incluirá mostras en vivo de oficios como a oleria, a feitura de corozas e o traballo co liño.

Cartel da 5º edición da Feira das Mozas en Xinzo.

 

O apartado musical será o máis extenso ata a data, comezando ás 11:00 horas coa alborada da Agrupación Musical da Limia. Ao longo da xornada sucederanse pasarrúas de grupos como Tarde PíacheOs Galos d’AntioquiaLirolaio e Os da Pedra Alta. Ás 13:00 horasArtur Puga impartirá un obradoiro de cantos de taberna, mentres que a tarde contará cos cantares de cego de Fran Guede.

A xornada finalizará na Praza Maior coa actuación da A. C. Santaia de Oleiros ás 20:00 horas, o concerto de Unto Vello ás 21:30 horas e a verbena cos Carecos a partir das 23:00 horas. A organización solicita aos asistentes que acudan ataviados ao estilo dos anos 50 e portando o cravo vermello característico desta celebración.

 

PROGRAMACIÓN DETALLADA:

 

• 11:00 h. Alborada a cargo da Agrupación Musical da Limia polas rúas da vila.

• 12:00 h. Apertura do 4º Mercado de Artesanía na Rúa dos Viños e da Área de xogos da Praza dos Ovos (Praza Xoan XXIII).

• 12:00 h. Pasarrúas polo casco vello da vila a cargo de “Tarde Píache” e “Os Galos d’Antioquia”.

• 13:00 h. Sesión vermú a cargo da Agrupación Musical da Limia na Praza Maior.

• 13:00 h. Obradoiro de Cantos de Taberna impartido por Artur Puga, polas prazas principais da vila e a Rúa dos Viños.

• 16:00 h. Pasarrúas polo casco vello da vila a cargo de “Lirolaio” e “Os da Pedra Alta”.

• 17:00 h. Actuación infantil a cargo de Títeres Alacrán coa obra: O Circo Galaico, diante da Cárcere (Escola de Gaitas).

• 18:00 h. Obradoiro infantil de Máscaras e Cabezudos a cargo de Pedras de Papel na Área de xogos.

• 18:30 h. Cantares de Cego da man de Fran Guede polo casco vello da vila.

• 19:00 h. Mostra de oficios populares nos espolóns da Praza Maior e na Rúa dos Viños.

• 20:00 h. Mostra de Baile e Música Tradicional a cargo da A. C. Santaia de Oleiros na Praza Maior.

• 21:30 h. Concerto de Unto Vello na Praza Maior.

• 23:00 h. Verbena a cargo dos Carecos na Praza Maior.

• 00:30 h. Foliada aberta despois da verbena polo casco vello da vila.