A cita celebrarase os días 21, 22 e 23 de agosto

A Festa do Esquecemento supera por primeira vez os 50 grupos e prevé a súa edición máis multitudinaria | NOTICIAS XINZO

A asemblea da Civitas Limicorum reuniu a decenas de participantes antes da XXVI Festa do Esquecemento.

Asociación Cultural Civitas Limicorum celebrou a súa asemblea previa á XXVI Festa do Esquecemento cun salón completamente cheo, unha imaxe que, segundo a entidade, anticipa a que será a edición máis multitudinaria da historia desta recreación histórica.

Durante o encontro confirmouse a participación de 54 grupos, unha cifra que supera por primeira vez a barreira dos cincuenta e que permitirá reunir no campamento a preto dun milleiro de figurantes caracterizados de época.

XXVI Festa do Esquecemento celebrarase os días 21, 22 e 23 de agosto en Xinzo de Limia. Como é habitual, a programación volverá ter como momentos centrais a recreación do Cruce do Río Lethes, coñecido na tradición clásica como o río do Esquecemento, e a batalla final entre castrexos e romanos, dous dos actos con maior seguimento por parte do público.

Nos últimos anos, a festa consolidouse tamén como un importante atractivo turístico e económico para A Limia, atraendo milleiros de visitantes durante a fin de semana e contribuíndo á actividade da hostalaría, do comercio e dos establecementos de aloxamento da comarca. Paralelamente, a Civitas Limicorum continúa traballando para conseguir a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.

O presidente da asociación, Marcos Argibay, destacou durante a asemblea o momento que atravesa a celebración. «A imaxe dunha sala chea é a mellor proba de que a Festa do Esquecemento é un proxecto de todas e todos. Cada ano somos máis, e iso oblíganos a ser mellores», afirmou.

Festa do Esquecemento recrea a lenda do río Limia, identificado na Antigüidade co mítico Lethes, o río que, segundo a tradición, facía perder a memoria a quen o cruzaba. Ao longo das súas vinte e seis edicións, a celebración converteuse nun dos principais referentes do recreacionismo histórico castrexo-romano en Galicia e nun dos eventos máis destacados do calendario estival da provincia de Ourense.