Xinzo acolle unha cita clave para o profesorado

A II Rebelión Docente ofrecerá formación e intercambio en educación | NOTICIAS XINZO

II Rebelión Docente.

A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acollerá o sábado 18 de outubro, entre as 9:00 e as 20:30 horas, a segunda edición de "Rebelión Docente – O cambio está en ti", unha xornada de actualización pedagóxica que regresa a Xinzo tras o seu nacemento en 2024.

 

O encontro, coordinado pola pedagoga Inma Jardón, nace coa vontade de ofrecer ao profesorado espazos de reflexión e ferramentas prácticas aplicables á aula. O programa combina relatorios e sesións demostrativas arredor de cuestións clave do día a día educativo como a educación afectivo-sexual, a actuación ante urxencias en contornas escolares, a música e estimulación temperá, o acompañamento emocional e a prevención do acoso, a creatividade docente, o deseño de hábitats pedagóxicos e espazos multisensoriais, así como a narración oral e recursos para a aula.

Programación de "Rebelión Docente" 2025.

 

Entre as persoas relatoras destacan Lucía Coutado, Manuel Viso (Dr. Viso), Lucía Camba, América, Patri García, Aroa R. Cao e Rita Doallo.

 

 

A xornada estrutúrase en dous bloques, de mañá e tarde, con espazos de descanso e tempo para intercambio profesional, e culminará arredor das 20:30 horas. A acreditación e benvida será ás 09:00 horas.

As inscricións, con prazas limitadas, xa están abertas a través do correo rebeliondocentegalicia@gmail.com