O ciclo de andainas enmárcase no proxecto transfronteirizo Camiño Vertical

O Inorde completa a segunda etapa da ruta pola Vía da Prata entre Verín e Xinzo con visita ao MUGAE | NOTICIAS OURENSE

Carlos Martínez presenta ao grupo de sendeiristas a colección de entroidos galegos do Mugae, como colofón á segunda etapa do ciclo pola Vía da Prata.

Preto de 40 persoas participaron este domingo na segunda das catro etapas do ciclo de andainas pola Vía da Prata promovido pola Deputación de Ourense a través do Inorde, completando un percorrido de 34,8 quilómetros entre Verín e Xinzo de Limia. O traxecto, catalogado como de dificultade media-alta, ofreceu a posibilidade de realizarse de forma completa ou dividida en dúas seccións de 21,5 e 13,2 quilómetros.

Emma González, xerente do Inorde, durante a visita dos participantes da andaina ao Museo Galego do Entroido de Xinzo de Limia.

Ao longo da xornada, os sendeiristas atravesaron enclaves de notable valor patrimonial como o Castelo de Monterrei e o val de Albarellos, antes de alcanzar o alto das Estibadas e descender ata Xinzo de Limia. Á chegada á localidade limiana, os participantes tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións do Museo Galego do Entroido (Mugae), onde recibiron unha charla introdutoria sobre a tradición dos entroidos galegos.

A iniciativa enmárcase no proxecto transfronteirizo Camiño Vertical, cofinanciado polo Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027 da Unión Europea, cun obxectivo estratéxico de potenciar o turismo sustentable e dinamizar a economía rural a través do patrimonio histórico e natural da provincia.

O programa, que se estende ao longo de catro etapas e máis de 90 quilómetros entre a fronteira de Feces de Abaixo e a cidade de Ourense, conta con servizo de guías especializados e transporte en autobús gratuíto para os participantes. A terceira etapa está prevista para o domingo 14 de xuño, con saída desde Xinzo de Limia e chegada a Allariz tras percorrer 20,8 quilómetros pola chaira da Limia e a antiga canle da Lagoa de Antela. As persoas interesadas en participar poden inscribirse en www.conocegalicia.es ou chamando ao 988 253 359.