sábado. 20.04.2024

Á última hora da mañá, na Casa do Concello de Xinzo, a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, e o alcalde de Sandiás, Felipe Traveso, presentaron o obradoiro de emprego No Camiño 2022 que durante 12 meses ofrecerá formación, prácticas e un salario a 20 alumnas e alumnos dos dous concellos seleccionados a través dun proceso que atendeu “a criterios de igualdade e obxectividade”, segundo subliñaron os responsábeis políticos.


A formación xa comezou e a presentación encaixouse a última hora na axenda da alcaldesa. As dez alumnas e os dez alumnos seleccionados recibiron os bos desexos de Elvira Lama: “que atopedes emprego por conta allea ou por conta propia, aínda que xa se sabe que o auto-emprego significa traballar 24/7 [24 horas, 7 días á semana]. Tamén falou Felipe Traveso, alcalde de Sandiás, que dixo que “aprendendo tamén se traballa”.


Despois do acto breve, responsábeis políticos, formadores e alumnados pousaron para a foto na praza Carlos Casares. 


O obradoiro ofrecerá formación nas especialidades de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e na de Instalación de elementos e carpintería. En Xinzo, segundo avanzou o Concello de Xinzo, volverán traballar no parque xunto ao Limia, na saída cara a Baltar, que empezou a acondicionar o alumnado do anterior obradoiro. En Sandiás, atenderán as áreas recreativas de Couso de Limia, Souto e Chousela, o Campo de San Nicolás e o patio do edificio de vivendas sociais de Piñeira. 

“Igual temos as expectativas altas, porque se trata de dous procesos formativos en especialidades que parece que teñen demanda no mercado laboral”, dixo a directora do obradoiro.
 

Presentación Obradoiro de Emprego. No Camiño 2022. Con Elvira Lama, Felipe Traveso e a directora Margarita Vázquez (2)
O alumnado e formadores do obradoiro, este mércores no Concello de Xinzo.

“Fan falta carpinteiros e xardineiros”, explicou despois da presentación a directora do obradoiro, Margarita Vázquez. “Igual temos as expectativas altas, porque se trata de dous procesos formativos en especialidades que parece que teñen demanda no mercado laboral”.


Vázquez lembrou que o Concello de Xinzo acompañará á inserción laboral de alumnas e alumnos. “A idea é empezar facendo cubertas para os colectores, xardineiras e bancos, e tamén intentar reciclar o que hai”, indica a directora. O traballo dos dous módulos serán conxunto. Finalmente, Vázquez agradeceu que o curso se amplíe nesta ocasión a 12 meses: “Poderase facer un pouco máis de traballo e, tamén, que o equipo funcione mellor”.

NOTICIAS A LIMIA | “As expectativas son altas: fan falta carpinteiros e xardineiros”