“A iniciativa Os Camiños das Músicas Galegas fai parada nas vilas que coinciden co fin de etapa das peregrinacións a Compostela e estará na Limia o próximo xoves”, informou este luns o Concello de Xinzo de Limia. Trátase dunha furgoneta dos anos setenta convertida en discoteca móbil e bautizada como A Duendeneta. Aparcará en Xinzo de Limia o xoves cunha misión: “transmitir a veciños e peregrinos a paixón pola música galega”.
A Duendeneta ofrecerá unha sesión didáctica de 90 minutos na que se fará un percorrido polas músicas de diferentes épocas e estilos. O xornalista musical Carlos Crespo será o encargado da charla en Xinzo de Limia.
“A sesión combina a selección musical con comentarios que subliñan os datos fundamentais para que os asistentes poidan entender cada época e os fitos musicais máis destacados que teñan acontecido nelas, con especial atención ás últimas décadas”, sinala o comunicado municipal.
A iniciativa fai parte da programación do Xacobeo, a través dunha colaboración coa Fundación La Caixa. A furgoneta móbil viaxará durante os meses de xuño e xullo por máis de 20 vilas e localidades do país, ofrecendo até 32 sesións musicais de carácter didáctico.
A Duendeneta pasou ou pasará este verán polos concellos de Fisterra, Muxía, Corcubión, Cee e Negreira, no Camiño de Fisterra; O Pedrouzo, Arzúa, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Sarria, Triacastela e O Cebreiro, no Camiño Francés; Vedra, Silleda, Lalín, Ourense, Allariz e Xinzo, na Vía da Prata; e tamén o Monte del Gozo.