As obras do Plan CooperOU mellorarán 13.500 metros cadrados de viario no Concello | NOTICIAS XINZO
O Concello de Xinzo de Limia porá en marcha a renovación do firme de cinco rúas do municipio, unha actuación enmarcada no Plan CooperOU da Deputación de Ourense que arranca coa sinatura da acta de comprobación do replanteo e que conta cun prazo de execución de tres meses.
Os traballos desenvolveranse na Avenida de Portugal e nas rúas Alexandre Bóveda, Toural, Travesía do Bouzo e Dous de Maio, onde o pavimento asfáltico presenta un forte deterioro que supón un risco para peóns e vehículos.
A intervención, adxudicada tras licitación pública á empresa Extraco por un importe de 330.265,87 euros, abrangue unha superficie total de 13.500 metros cadrados. Os traballos consistirán no fresado e posterior aglomerado de seis centímetros de espesor, así como no axuste das tapas de pozos e sumidoiros de pluviais para que queden á mesma altura da nova rasante. Por último, repintaranse todas as marcas viarias necesarias.
O concelleiro de Obras, Ramón Gómez, pediu «aos veciños e visitantes un plus de paciencia e comprensión durante o desenvolvemento dos traballos». «É unha mellora necesaria para a seguridade de todos; todo por un Xinzo mellor», engadiu.