A iniciativa foi rexistrada como Proposición non de lei na Comisión de Defensa

O PPdeG pide ao Goberno central unha base permanente da UME en Ourense, no Centro de Toén

O Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén, sede proposta para a nova base da UME.

Partido Popular de Galicia, a través dos deputados galegos do Grupo Parlamentario Popular no Congreso, impulsa unha Proposición non de lei, para o seu debate na Comisión de Defensa, na que reclama de forma urxente ao Goberno de España unha base permanente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) en Galicia, situada na provincia de Ourense, en concreto no Centro Integral de Loita contra o Lume do concello de Toén.

A iniciativa parlamentaria do PP sinala que a base da UME máis próxima a territorio galego atópase actualmente en León, o que implica, segundo afirma a deputada ourensá Ana Vázquez, que "os tempos de resposta que non son os óptimos en situacións onde a rapidez é clave para salvar vidas e protexer a contorna natural".

Segundo o PP, Galicia presenta un perfil de risco elevado en materia de protección civil debido á súa gran masa forestal, as condicións meteorolóxicas extremas e a dispersión da súa poboación, polo que "carecer dunha base propia supón unha desvantaxe loxística e de prevención evidente".

A Proposición non de lei fai fincapé nas razóns técnicas, operativas e territoriais que, segundo os populares, xustifican que Ourense sexa o lugar elixido: unha situación estratéxica no interior galego, boas comunicacións co resto de provincias e ser historicamente unha das zonas máis castigadas polos incendios forestais en Galicia.

Ao tratarse dun territorio montañoso e con retos demográficos, o PP sostén que as tarefas de emerxencia actuais vense dificultadas, polo que "dispoñer dunha base reduciría drasticamente os tempos de despregamento nas zonas rurais máis vulnerables", segundo subliña Vázquez.

A iniciativa tamén recolle que a provincia arrastra un déficit histórico en investimentos e infraestruturas dependentes do Estado, ademais de estar afectada polo despoboamento. Segundo Ana Vázquez, unha base permanente da UME "non só axudaría a reforzar a seguridade dos seus habitantes, senón que tamén actuaría como motor económico coa creación de emprego directo e a dinamización de servizos públicos no rural".

Iniciativa no Parlamento de Galicia

A iniciativa dos deputados no Congreso súmase á aprobación no Parlamento de Galicia, o pasado 23 de xuño, dunha proposición na que se insta ao Goberno central a crear, no concello de Toén, unha base permanente da UME.

O grupo parlamentario popular na Cámara galega defendeu que esta base constituiría "un reforzo estratéxico de primeira orde" para a capacidade de resposta ante emerxencias en Galicia, optimizando a resposta fronte a incendios forestais, inundacións, temporais, nevadas ou outras situacións de risco. Na iniciativa salientouse a oportunidade da localización en Toén, onde xa se atopa o Centro Integral de Loita contra o Lume, de titularidade autonómica, o que favorecería sinerxías entre efectivos.