O PSdeG-PSOE de Ourense critica a retirada de bombeiros en plena vaga de incendios
O PSdeG-PSOE de Ourense considera "totalmente inadmisible" a decisión da Xunta de Galicia de retirar efectivos de bombeiros das catro provincias galegas en plena vaga de lumes. A formación socialista asegura que se trata dunha "falta de respecto á provincia e á veciñanza que loita contra o lume de forma incansable".
Segundo denuncian, a medida foi executada polo goberno galego o martes pola noite e coñecida ao día seguinte a través dos medios de comunicación. "Ninguén entende como se poden retirar medios da provincia cando había sete incendios activos, tres deles de grandes dimensións", sinalan.
O secretario provincial, Álvaro Vila Araújo, criticou que "con milleiros de hectáreas calcinadas e aldeas enteiras arrasadas é incomprensible que o goberno galego retire bombeiros de Ourense". Ao mesmo tempo, acusou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de contradicirse: "mentres pedía que os bombeiros marchasen ás súas casas, reclamáballe ao Goberno central máis medios na loita contra o lume".
O PSdeG-PSOE destaca que, tras a presión popular e os comunicados de diferentes corpos de bombeiros, a Xunta rectificou a súa decisión. Para Vila, isto demostra "a nula capacidade de xestión do presidente e da conselleira de Medio Rural, que só recúan cando se ven obrigados pola presión social".
A formación socialista afirma que a prioridade actual debe ser controlar e apagar os incendios, pero avanza que, unha vez remate a emerxencia, "exixiremos responsabilidades políticas, comezando pola dimisión ou cese da conselleira de Medio Rural, María José Gómez Rodríguez".
Críticas á xestión do incendio de Trevinca
Ademais, o PSOE ourensán cargou contra a "pésima" xestión do incendio das Terras de Trevinca, que penetrou en Galicia desde Zamora. Denuncian que durante varios días o lume non apareceu nos rexistros oficiais da Xunta, malia estar a arrasar miles de hectáreas e espazos de gran valor ambiental como a Lagoa da Serpe, Pena Negra, Pena Surbia ou Pena Trevinca.
Os socialistas aseguran que foi grazas á veciñanza de Casaio e a voluntarios doutras zonas que se conseguiu frear o avance nalgúns puntos, evitando que ardese por completo o Teixadal de Casaio, un bosque milenario único en Europa.
O PSdeG-PSOE esíxelle ao goberno galego que actualice os datos reais das hectáreas queimadas e que ofreza información veraz, lembrando que "as diferencias entre os datos oficiais e os de Copernicus, o programa de observación da terra da Unión Europea, son abismais".