🔴 ÚLTIMA HORA | Excarceran o copiloto dun dos vehículos que chocaron na pista da Armada en Xinzo

Os bombeiros, durante as tarefas de excarceración dun dos ocupantes.

Pouco despois das 15:30 horas deste vernes o sistema 'e Call' instalado nun vehículo que sufriu un accidente na pista da Armada, xunto á rotonda das piscinas en Xinzo de Limia, lanzou a alerta ao 112. Inmediatamente desprazáronse ao lugar do sinistro os servizos de Emerxencia. O que se atoparon foi unha colisión fronto-lateral entre dous turismos. Os bombeiros de Xinzo foron os encargados de excarcerar á persoa que ocupaba o asento do copiloto nun dos vehículos, da marca Hyundai, que aparentemente foi o que sufriu os maiores danos.


Os bombeiros retiraron a porta do copiloto, onde se produciu o impacto. Os servizos sanitarios atenden a esta hora ao ferido no lugar do accidente á espera do traslado. Os demais ocupantes dos coches sinistrados non sufriron feridas de consideración. 

Unidades de emerxencia desprazadas ao lugar do accidente antes das 15:45 deste xoves.

Ao parecer, un vehículo modelo da marca SEAT, con varios ocupantes no interior, xirou para incorporarse desde a rotonda á pista da Armada e bateu contra o Hyundai que manobraba para tomar a rotonda. Ningún dos ocupantes do SEAT sufriu aparentemente feridas. 


Ao lugar do accidente desprazáronse dúas unidades dos bombeiros, unha da Policía Local de Xinzo que levantou o atestado do sinistro e unha unidade do 061 de Xinzo.