Xinzo estivo presente no Arde Lucus: a Civitas Limicorum celebra os 25 anos da festa lucense
A Asociación Cultural Civitas Limicorum de Xinzo de Limia participou un ano máis no Arde Lucus, que este 2026 celebrou unha edición especial co seu Annus Argenteus, o 25 aniversario da festa de recreación histórica de Lugo, declarada de Interese Turístico Internacional.
Unha delegación da entidade xinzense, formada por membros dos bandos castrexo e romano, desprazouse ata a cidade amurallada para participar activamente nos actos programados. No marco da recepción oficial de convidados, a tesoureira da asociación, Ana Lozano, foi recibida pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, nun acto que, segundo a Civitas Limicorum, "reafirma a colaboración entre a asociación e o Concello de Lugo".
A asociación de Xinzo destaca a súa presenza no Arde Lucus desde as primeiras edicións e reivindica o seu papel como "parte activa e fundamental nas orixes deste evento". Desde a Civitas Limicorum subliñan que a coincidencia de aniversarios —o XXV da Festa do Esquecemento celebrouse en 2025 e o do Arde Lucus en 2026— reforza os lazos históricos entre ambas as celebracións e entre as dúas vilas.
A XXVI edición da Festa do Esquecemento de Xinzo de Limia está prevista para os días 21, 22 e 23 de agosto de 2026.