A Deputación presenta unha nova edición do festival

As XLI Xornadas de Folclore reunirán 178 artistas de seis países en 16 concellos da provincia | NOTICIAS XINZO

O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández Gil, participa na rolda de prensa de presentación das Xornadas de Folclore 2026 e acompañado dos organizadores Xulio Fernández Senra e Xavier Álvarez Campos. Na sala de prensa do Pazo Provincial.

Deputación de Ourense presentou no Pazo Provincial a XLI edición das Xornadas de Folclore, un dos eventos culturais máis consolidados do verán na provincia, que se celebrará entre os días 10 e 20 de agosto.

Na presentación participaron o vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández; o director artístico do festival, Xulio Fernández; e o director do Centro de Cultura Popular "Xaquín Lorenzo", Xabier Fernández.

Nesta edición, o festival reunirá 178 artistas repartidos en seis agrupacións internacionais procedentes de Armenia, Ecuador, Kenia, México, Serbia e Taiwán, representando a catro continentes.

César Fernández destacou o traballo desenvolvido polo Centro de Cultura Popular "Xaquín Lorenzo", subliñando que este evento converte a provincia de Ourense no "epicentro folclórico de Galicia".

Pola súa banda, Xulio Fernández puxo en valor os máis de catro decenios de historia das Xornadas de Folclore, sinalando que cada edición busca incorporar novidades para enriquecer os espectáculos.

As formacións participantes serán Sebastia Dance Ensemble - Taron Aesthetic Center (Armenia), Elenco Ñukanchik (Ecuador), Kikwetu Afrika Music and Dance Group (Kenia), Compañía Nacional de Danza Folklórica de Nieves Paniagua (México), Folk Dance Group "Tucović" (Serbia) e YiTzy Folk Dance Theatre(Taiwán).

O festival recupera nesta edición a súa máxima dimensión tras as limitacións derivadas da pandemia nos anos 2020 e 2021 e despois de celebrarse nun formato reducido en 2025 debido aos incendios forestais que afectaron á provincia.

Un dos obxectivos principais da Deputación de Ourense continúa a ser favorecer a democratización cultural e o equilibrio territorial, levando espectáculos internacionais a diferentes comarcas.

As Xornadas de Folclore son ademais, desde 1999Socio Activo de pleno dereito de CIOFF-España, entidade vinculada á UNESCO, o que garante a participación de agrupacións de recoñecido prestixio internacional.

A programación comezará o 10 de agosto no Teatro Principal de Ourense coa tradicional cerimonia inaugural. Posteriormente, as actuacións chegarán a Allariz, A Rúa, Bande, O Barco, O Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Entrimo, Maceda, Manzaneda, Ribadavia, Trives, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia, mediante un sistema de programación simultánea con dous escenarios cada noite.

Entre as citas máis destacadas figura o gran desfile do 18 de agosto entre o Parque de San Lázaro e a Praza Maior de Ourense, coa participación conxunta dos seis grupos. Ao día seguinte repetirase un espectáculo colectivo no Auditorio do Castelo de Ribadavia, antes da despedida das delegacións o 20 de agosto.