Evento
AXENDA | Xinzo prepara a Gala do Deporte 2025 para recoñecer o talento e o esforzo da súa comunidade deportiva
O vindeiro luns 29 de decembro celebrarase a Gala do Deporte Xinzo de Limia 2025, un evento co que o Concello quere premiar anualmente aos deportistas, entidades e persoas vinculadas ao municipio que destacaran ao longo da última tempada pola súa contribución á promoción da actividade física.
O obxectivo principal da gala é recoñecer publicamente o esforzo, a dedicación e os valores que representa o deporte, ademais de servir como inspiración para os máis novos e para a veciñanza en xeral.
Poderán optar aos premios os deportistas individuais nados, empadroados ou con licenza federativa en vigor a través dun club inscrito no rexistro municipal, sempre que participasen en competicións federadas de ámbito provincial, autonómico, estatal ou internacional e obtivesen resultados meritorios. Tamén serán candidatos os equipos locais inscritos no rexistro municipal que acadaran títulos relevantes, así como deportistas de Xinzo que compitan en clubs doutros concellos e conqueriran triunfos a nivel nacional ou superior.
O comité organizador poderá, ademais, propoñer para recoñecemento a adestradores, directivos, entidades deportivas ou empresas que acrediten unha colaboración destacada e desinteresada co deporte local. A Concellería de Deportes poderá incluír premios ou mencións especiais cando así o considere oportuno.
As candidaturas poderán presentarse ata as 14:00 horas do 10 de decembro de 2025 no Rexistro Municipal, na sede electrónica ou na oficina do Pavillón de Deportes. Calquera persoa física ou xurídica poderá propoñer candidatos, achegando os méritos e resultados acadados durante a tempada 2024/2025.
Un xurado composto polo alcalde Amador Díaz; a concelleira de Deportes Cristina Campero; os técnicos David Carnero e Óscar Gómez; os exconcelleiros Xiana Carrera, Luis Miguel Gil e Rafael Penabad; e representantes dos clubs máis destacados —Pablo Losada, Domingo Rego, Juan Miguel López, Miguel Ángel Díaz e Gabriel Mandianes— será o encargado de deliberar e decidir os gañadores.
Os premios que se outorgarán nesta edición serán: Mellor Deportista Absoluto Masculino, Mellor Deportista Absoluta Feminina, Mellor Deportista Promesa Masculino, Mellor Deportista Promesa Feminina, Mellor Equipo Absoluto, Mellor Equipo de Base e a Mención Especial do Xurado.
