Evento
AXENDA | A Pereira celebra unha nova edición da súa Feira Anual cunha homenaxe a Antón Tovar
A localidade da Pereira, no concello de Rairiz de Veiga, celebrará o vindeiro 2 de agosto unha nova edición da súa Feira Anual, unha cita que pon en valor a tradición, a cultura e a convivencia veciñal.
Nesta edición, o cartel rende unha homenaxe especial ao escritor Antón Tovar, coincidindo cos 60 anos da apertura do comercio da súa familia materna, un establecemento vencellado á historia da aldea. Ademais, recolle unha das súas reflexións máis coñecidas: "A terra é isto: un país que se fai coas mans e coa palabra."
Ao longo da xornada desenvolverase unha programación que combinará gastronomía, música e actividades tradicionais. Haberá pulpería, posto de churrasco, actuación dos Gaiteiros de Rairiz de Veiga, concerto de Begoña Mazaira e unha ruta cabalar, entre outras propostas.
A Feira Anual está organizada polo Concello de Rairiz de Veiga e conta coa colaboración da Agrupación de Protección Civil de Rairiz de Veiga, da AVPC de Rairiz de Veiga e da veciñanza da Pereira e Sabariz.
