Evento
AXENDA | Andaina ambiental polas Areeiras de Sandiás para redescubrir a antiga lagoa de Antela
A asociación Verdegaia organiza o domingo 14 de decembro unha andaina pola comarca da Limia cun percorrido polas areeiras de Sandiás, un espazo próximo ao que ocupou a antiga lagoa de Antela, que foi unha das maiores lagoas da Península Ibérica antes da súa desecación nos anos 50. A actividade desenvolverase entre as 10:30 e as 13:30 cunha dificultade baixa e un itinerario aproximado de tres quilómetros.
Durante a xornada, as persoas participantes poderán coñecer de primeira man o proceso de restauración ambiental levado a cabo nalgunhas das areeiras e observar diferentes especies de fauna e flora características da zona. Entre elas destacan lavancos, corvos mariños reais, garzas cincentas e brancas, así como a posible presenza de lontras, visóns americanos, salgueiros, freixos ou cerquiños.
O punto de encontro será a estación de servizo de Antela, na saída 193 da A-52, desde onde se organizarán coches con saída desde Vigo e Ourense. A actividade é gratuíta pero require inscrición previa no correo info@verdegaia.oeg, indicando un número de teléfono, o nome das persoas asistentes e se algunha é menor de 14 anos. Para máis información está dispoñible o teléfono 691 657 039.
