Evento
AXENDA | O proxecto "Nó Rural" reúne en Sandiás a expertos galegos e cataláns no relevo do sector agrario
Galicia e Cataluña comparten esta semana coñecemento e experiencias ao redor do relevo xeracional no sector agrario no marco do proxecto de cooperación Leader "Nó Rural", liderado por Seitura 22 e impulsado polo GDR10 Limia-Arnoia, o GDR Terra Chá, o GDR Galicia Suroeste Eu Rural, a Asociación de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais e o GDR Mariñas-Betanzos.
O encontro, que se desenvolve do 3 ao 5 de xuño nos concellos ourensáns de Allariz e Sandiás, recibirá unha delegación da Generalitat de Cataluña e de varios Grupos de Desenvolvemento Rural cataláns co obxectivo de coñecer as iniciativas que se están a desenvolver en Galicia para favorecer o relevo xeracional no agro, a mobilización de terras e explotacións, e o retorno ao medio rural. A visita permitirá tamén identificar oportunidades de cooperación entre os dous territorios.
A actividade comezará o mércores 3 de xuño en Allariz, coa recepción da delegación catalá na casa do concello e unha visita guiada pola localidade.
As xornadas técnicas propiamente ditas celebraranse o xoves 4 na Sala de Xuntas da Casa da Lagoa da Antela en Sandiás, coa benvida a cargo do alcalde Felipe Traveso e do presidente da IXP Pataca de Galicia en A Limia, José Manuel Gómez. A programación incluirá unha presentación sobre a transformación da comarca da Limia desde os anos 50, a cargo de Servando Álvarez Pousa, técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro do Inorde; a presentación do proxecto Aterra polo GDR10 Limia-Arnoia, e un espazo de conversas co testemuño en primeira persoa de catro mozos emprendedores: Melani Araújo (Crismel S.C.), Breogán Prieto (Lar de Breogán), Abel Sotelo (Patatas Guays) e Borja Campelo (Patagal). A xornada da mañá pecharase cun debate sobre o contexto actual e as medidas de futuro, e pola tarde está prevista unha visita á comarca desde unha perspectiva produtiva e paisaxística, con paradas en parcelas do proxecto Aterra, explotacións da IXP Pataca de Galicia e a Torre de Pena.
O venres 5 de xuño as xornadas retomaranse na Casa da Cultura de Sandiás coa presentación do proxecto "Relleu Agrari" do GDR Adrinoc, exposicións a cargo de responsables do DARPA da Generalitat de Cataluña sobre a estratexia de relevo xeracional catalá e o proxecto "Catifa Vermella", e a presentación do proxecto "Nó Rural" por parte de Miguel Teixido, xerente de Seitura 22. A programación incluirá tamén unha intervención sobre a Escola de Pastores da Limia e un bloque de políticas e iniciativas de relevo agrario con participación da Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e o Sindicato Labrego Galego.
As xornadas están abertas á cidadanía interesada na súa temática.
