Evento
IMOS DE MAGOSTO | Magosto popular en Vilar de Santos
O Concello de Vilar de Santos celebra o seu tradicional Magosto o domingo 9 de novembro a partir das 12:00 horas, en Parada de Outeiro.
O evento ofrecerá un xantar típico do outono para o que será imprescindible presentar o ticket de entrada, que ten un valor de 8 euros para os adultos e de balde para os menores de 12 anos. Marcos Nogueiras, alcalde en funcións, enorgullécese do traballo do equipo: “conseguimos que practicamente a totalidade de produtos sexan de proximidade, de veciños e veciñas a quen queremos apoiar sempre”.
O magosto celébrase nun contexto de cambios na corporación coa saída de Rubén Colmenero da alcaldía. Marcos Nogueiras ten palabras de agradecemento para quen “sempre ten sido unha persoa moi activa na dinamización comunitaria do noso municipio”.
Xa se venderon máis de 400 tíckets, o que supón o magosto máis grande da historia do Concello. “Temos un equipo moi grande traballando, desde concelleiros e concelleiras ata persoas voluntarias que nos axudan a preparar todo, así é como ten que ser”, defende Nogueiras. Aínda podes mercar as entradas poden adquirirse nos lugares de costume ata o 6 de novembro.
As roscas serán cociñadas por Pepe Anís e o pan será cocido no forno de Faragullas para acompañar aos chourizos Sabor de Aldea. A sorpresa chega na sobremesa onde haberá requeixo regado polo Mel da Inés. A bebida será provista polo Supermercado Olga e o aroma local chegará mesmo á música xa que tocará o grupo de gaitas do concello veciño Rairiz de Veiga onde moitos gaiteiros e gaiteiras son tamén de Vilar de Santos.
