Evento
AXENDA | Vilar de Santos reivindica o 8M dando voz ás mulleres do rural
O Concello de Vilar de Santos conmemora o Día Internacional da Muller cunha programación participativa para visibilizar, recoñecer e agradecer o papel esencial das mulleres, especialmente das que sosteñen a vida e o traballo no rural.
A xornada comezará ás 12.00 horas coa lectura do manifesto, un acto simbólico e reivindicativo para reafirmar o compromiso coa igualdade. A continuación, ás 12.15 horas, realizarase un recoñecemento a unha muller traballadora do rural, poñendo en valor o esforzo silencioso e imprescindible de tantas veciñas.
O programa pecharase ás 12.30 horas coa colocación de mensaxes da veciñanza, unha acción colectiva para compartir reflexións, apoio e reivindicacións arredor do 8M.
Un encontro aberto á participación de toda a cidadanía para celebrar, agradecer e seguir avanzando en dereitos e igualdade.
