Evento
AXENDA | Vilar de Santos abre 4 días de Concilia de Semana Santa para nenos de 3 a 12 anos
O Concello de Vilar de Santos abriu o prazo de preinscrición para unha nova edición do programa Concilia de Semana Santa 2026, unha iniciativa destinada a facilitar a conciliación familiar durante o período vacacional. A actividade está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.
O programa desenvolverase durante catro xornadas coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa. En concreto, as actividades terán lugar os días 30 e 31 de marzo, así como o 1 e o 6 de abril. O horario xeral previsto será de 9.00 a 14.00 horas.
Ademais, o servizo contempla opcións complementarias para ampliar a atención aos menores. As familias poderán solicitar a Aula Concilia entre as 8.00 e as 9.00 horas, así como unha Aula de agarda de 14.00 a 14.30 horas, co obxectivo de adaptar o programa ás necesidades de organización dos fogares.
O prazo de preinscrición permanecerá aberto ata o 19 de marzo, incluído. As persoas interesadas deberán completar o formulario habilitado polo concello a través de internet.
O consistorio tamén publicou na súa páxina web toda a información relativa ao programa, onde se poden consultar os criterios de admisión, as bases completas e os detalles de funcionamento do servizo municipal.
