Evento
AXENDA | Xinzo prepárase para unha nova edición do Festival Internacional de Bandas de Gaitas
Entre o serán do venres 1 de agosto e o mediodía do domingo 3, Xinzo de Limia converterase nun fervedoiro de música tradicional coa celebración da VII edición do Festival Internacional de Bandas de Gaitas "Vila de Xinzo". Esta cita cultural, xa consolidada no calendario estival da comarca, reunirá agrupacións procedentes de Ourense, A Coruña e Portugal.
O certame naceu co obxectivo de servir como escaparate para as bandas de gaitas do Arco Atlántico e como espazo de intercambio musical e cultural entre formacións. Nesta edición participarán a Real Banda de Ourense, Nova Era, Airiños de Fene, o Grupo de Bombos e Gaitas S. Tiago Maior de Poiares (Portugal), ademais da Banda de Gaitas Xinzo de Limia —anfitrioa do evento—, a súa filial Banda B, o Coro Aimil e o grupo En Mala Hora.
A organización corre a cargo, un ano máis, da Escola Municipal de Gaitas e Percusión, contando co patrocinio do Concello de Xinzo de Limia. Nesta ocasión, súmase tamén a colaboración de diversos negocios locais, cuxa axuda altruísta foi agradecida pola organización.
Nos vindeiros días daranse a coñecer os horarios detallados das actuacións nas rúas e dos concertos principais, que encherán a vila de música e tradición ao longo de toda a fin de semana.
