miércoles. 20.05.2026

Evento

AXENDA | A Charanga Achicoria celebra os seus 15 anos enchendo Xinzo de música e festa

13/12/25
18:30
Praza Maior, Xinzo de Limia
A Charanga Achicoria celebra os seus 15 anos.
A Charanga Achicoria celebra os seus 15 anos.

Xinzo de Limia acollerá o vindeiro sábado 13 de decembro a celebración do XV aniversario da Charanga Achicoria, unha formación musical que leva quince anos animando festas e eventos por toda Galicia e fóra dela. O evento comezará arredor das 18:30 horas.

Fundada en Xinzo de Limia, a Charanga Achicoria consolidouse como unha das agrupacións máis activas do noroeste peninsular. Aínda que a maior parte das súas actuacións teñen lugar na provincia de Ourense, a súa música soou tamén en Asturias, Zamora, o norte de Portugal e, desde 2019, cada mes de marzo nas recoñecidas Fallas de Valencia, onde participan durante cinco días consecutivos.

Para os integrantes da charanga, a súa actuación máis especial segue sendo o Entroido de Xinzo de Limia, unha cita que consideran "única" e que forma parte esencial da identidade da formación. Por iso, o XV aniversario está pensado non só para o público habitual, senón tamén para familiares, amigos e toda a veciñanza de Xinzo.

O evento contará coa participación de formacións convidadas como Charanga Alambique, Charanga A Felga, Charanga Toqsband e a batucada Trifulka, que se unirán á Charanga Achicoria para ofrecer unha xornada festiva cargada de música e enerxía.

A organización convida a todo o público a sumarse á celebración e gozar dun espectáculo que promete converter Xinzo de Limia no epicentro da música de rúa e da tradición festiva.