Evento
AXENDA | Música e fantasía para os máis pequenos no auditorio de Xinzo
O Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia volverá abrir as portas do seu auditorio ao alumnado de Infantil e Primaria da comarca cunha nova edición do seu xa tradicional Concerto Didáctico, que este ano leva por título "Os Sons do Circo".
A cita terá lugar o mércores 14 de maio ás 11:00 h no Auditorio Ángel Cocho da Casa da Cultura, e está dirixida ao público escolar convidado.
Nesta ocasión, o escenario transformarase nun circo cheo de música, cor, maxia e movemento, para amosar ao alumnado a diversidade sonora das agrupacións instrumentais, con pezas inspiradas no universo do espectáculo circense. O obxectivo é achegar a música dun xeito lúdico e participativo, favorecendo a curiosidade e a aprendizaxe activa.
Participarán na actividade estudantes e profesorado do propio conservatorio, que preparan con ilusión este concerto especial ao longo de toda a semana.
Os centros convidados nesta edición son:
-
CEIP de Baltar
-
CEIP dos Blancos
-
CEIP Rosalía de Castro
-
CEIP Carlos Casares
A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Xinzo de Limia e reafirma o compromiso do conservatorio coa educación musical e a dinamización cultural do territorio.
