Evento
AXENDA | O Concello de Xinzo convoca á veciñanza para activar a compostaxe comunitaria e aforrar no lixo
O Concello de Xinzo de Limia e a Deputación de Ourense dan un paso definitivo na implantación da compostaxe comunitaria na vila. Por este motivo, convócase especificamente aos residentes das urbanizacións A Devesa e Río Miño a unha sesión informativa o vindeiro mércores 28 de xaneiro. Esta convocatoria diríxese aos veciños destas zonas ao seren as primeiras que xa teñen habilitadas as infraestruturas necesarias para este sistema de reciclaxe orgánica.
O obxectivo da charla, que terá lugar na Casa da Cultura ás 19:00 horas, é explicar detalladamente o funcionamento das áreas de compostaxe e formalizar a participación activa dos interesados. Ademais do evidente beneficio ambiental, esta práctica sostible está incentivada cunha importante bonificación económica: un desconto do 30% na taxa do lixo para todas as familias que decidan sumarse ao programa de compostaxe.
Desde o Goberno local subliñan que a asistencia a este encontro é fundamental para coñecer os pasos técnicos a seguir e poder acceder á bonificación fiscal.
