Evento
AXENDA | "Cultura no Camiño" leva o clown e o circo á Praza Maior de Xinzo
A Praza Maior de Xinzo de Limia acollerá este sábado, 11 de xullo, o espectáculo de circo e clown "Sempre Arriba con Hoxe Si!", unha proposta de clown, circo e acrobacia aérea para todos os públicos. A actuación terá lugar ás 20:00 horas, con entrada libre.
"Hoxe Si!" é unha invitación a vivir o presente e a non deixar para mañá os soños pendentes. Nun ambiente inspirado na década dos oitenta, o público atopará unha gran festa onde non faltan a música, o humor, a participación, as acrobacias aéreas e as emocións compartidas, nunha proposta que combina a linguaxe do clown coa acrobacia aérea e converte aos asistentes en protagonistas da festa.
A compañía Sempre Arriba, creada pola artista galega Marta Iglesias, desenvolve desde 2018 un proxecto propio que une clown e circo contemporáneo, con espectáculos como Oda ao Amor (2018), C'est pas Possible (2019) e Hoxe Si! (2023). Ao longo da súa traxectoria recibiu recoñecementos como o premio á Mellor Actriz no Festival de Teatro de Mora (2017) e o Premio do Xurado ao Mellor Espectáculo no Encontro de Pallasas Mujeres con Narices de Gran Canaria (2020).
A actuación forma parte da programación de Cultura no Camiño, iniciativa da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Xinzo de Limia, que achega durante o verán espectáculos de música, teatro, danza, maxia e circo aos concellos galegos.
