miércoles. 24.06.2026

Evento

AXENDA | Xinzo celebra o Orgullo cun faladoiro pola diversidade e unha gran festa

26/6/26 a 27/6/26
20:00
Xinzo de Limia.
Cartel da programación do Orgullo 2026 organizada polo Concello de Xinzo de Limia.
Cartel da programación do Orgullo 2026 organizada polo Concello de Xinzo de Limia.

As Concellerías de Igualdade e Xuventude do Concello de Xinzo de Limia organizaron unha programación especial con motivo da celebración do Día Internacional do Orgullo LGTBI+, coa finalidade de promover os valores da igualdade, o respecto e a diversidade afectivo-sexual entre toda a cidadanía.

A programación institucional dará comezo o vindeiro venres, 26 de xuño de 2026, a partir das 20:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello coa celebración da mesa de debate "Falemos sen etiquetas: un faladoiro pola diversidade". Esta actividade, de acceso totalmente libre e aberta ao público, pretende crear un espazo de encontro, diálogo e reflexión colectiva sobre a realidade afectivo-sexual e de xénero na comarca. Con esta iniciativa búscase fomentar a sensibilización social e contribuír á construción dunha sociedade máis inclusiva, respectuosa e libre de discriminacións.

Os actos de celebración continuarán o sábado, 27 de xuño, comezando ás 21:00 horas na céntrica Praza Maior coa celebración da gran Festa LGTBI. A velada estará amenizada polos ritmos da Discomóbil Space, nun ambiente participativo pensado para compartir e reivindicar en comunidade os valores da convivencia. Durante a festa procederase á lectura do manifesto oficial do Orgullo LGTBI+, co que o goberno local reafirma o seu compromiso coa defensa dos dereitos, a igualdade de oportunidades e a visibilidade.

Como recordo desta xornada reivindicativa, as persoas participantes que se acheguen recibirán unha pañoleta conmemorativa do Orgullo, que se repartirá de balde ata fin de existencias como símbolo de apoio á liberdade e ao respecto por todas as identidades e orientacións. Desde as áreas de Igualdade e Xuventude convidan a todos os veciños e veciñas da comarca a sumarse a estas actividades que combinan a reflexión, a convivencia e a festa.