Evento
AXENDA | A ESMULI prepara unha gran festa de Nadal con audicións e actividades para toda a familia
A Escola de Música da Limia celebrará o vindeiro 19 de decembro de 2025 a súa tradicional Festa de Nadal, unha xornada pensada para reunir ao alumnado, ás familias e á comunidade arredor da música e da creatividade. A partir das 16:00 horas, as instalacións do centro converteranse nun espazo festivo no que pequenos e maiores poderán gozar dunha tarde especial.
A programación comezará ás 16:30 horas coa Audición Peques, destinada ao alumnado máis novo. Ademais da parte musical, os nenos e nenas poderán participar en actividades como a elaboración da Carta a Irín e a creación de Postais de Nadal, xunto cunha merenda pensada para eles.
A partir das 18:30 horas será a quenda da Audición Maiores, na que o alumnado de máis idade amosará o seu traballo musical. Tamén haberá actividades pensadas para este grupo, como un Escape Room e un obradoiro de chapas, antes dunha merenda‐cea para pechar a velada.
A Festa de Nadal está organizada pola Escola de Música da Limia e a Agrupación Musical da Limia, coa colaboración do Concello de Xinzo de Limia, a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia. A organización anima a toda a veciñanza a participar nun encontro que busca mesturar música, creatividade e espírito festivo.
