lunes. 11.05.2026

Evento

AXENDA | Homenaxe ao legado musical de Faustino Santalices en Xinzo

11/4/26
20:00
Casa da Cultura, Xinzo de Limia

A Casa da Cultura de Xinzo de Limia acollerá este sábado, 11 de abril, ás 20:00 horas, o concerto didáctico “Faustino Santalices. O legado”, unha cita pensada para poñer en valor a figura dun dos grandes referentes da música tradicional galega. O espectáculo, de carácter musical e divulgativo, repasará a extensa traxectoria creativa do compositor, gaiteiro e musicólogo nado en Bande.

O concerto estará guiado e interpretado por Verónica Santalices e Federico Welicki, quen propoñen unha viaxe sonora pola obra do mestre. Ademais, o evento contará cun destacado acento local, coa participación da Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo de Limia e do Coro Aimil, pertencente a Aimil Folc.

Faustino Santalices (Bande, 1877 – Madrid, 1960) foi unha figura clave na cultura galega contemporánea. Dedicou a súa vida á investigación, construción e interpretación de instrumentos tradicionais, contribuíndo a recuperar o prestixio da zanfona e da gaita e situándoas nun lugar central da música do país.

Os promotores do concerto lembran que o seu nome é sinónimo de respecto dentro do ámbito da música tradicional, aínda que o público xeral non sempre coñece a súa relevancia histórica. Por iso, esta iniciativa busca achegar a súa figura á veciñanza e reivindicar o seu legado, do mesmo xeito que acontece con outros referentes como Álvaro Cunqueiro ou Rosalía de Castro.

Desde o Concello de Xinzo de Limia anímase a toda a cidadanía a asistir a esta proposta cultural, que promete unha noite única de aprendizaxe, emoción e homenaxe ás raíces musicais de Galicia.