Evento
AXENDA | Catro citas entre abril e maio dan forma ao festival Tecendo Cultura en Xinzo
O I Festival Literario Tecendo Cultura desenvolverase en Xinzo de Limia entre o 17 de abril e o 15 de maio, cunha programación composta por catro actividades centradas na lectura, a creación literaria e a participación cidadá.
A primeira das citas terá lugar o 17 de abril cun faladoiro baixo o título “O oficio de escribir. Por que e para quen?”, no que participará Antón Riveiro Coello como moderador. A actividade celebrarase ás 20.00 horas no Café Ítaca e será de acceso libre.
O programa continuará o 25 de abril cunha manifestación de lectura, que incluirá contacontos para nenos, lecturas compartidas e a inauguración dunha exposición de María Gómez Ojea. Esta actividade desenvolverase ás 11.00 horas no Xpazo, tamén con carácter aberto ao público.
Xa en maio, o día 9 celebrarase un encontro de obradoiros de creación e vermú literario, unha proposta participativa arredor da literatura e a creación colectiva, que terá lugar ás 11.00 horas no Café Ítaca.
O festival pecharase o 15 de maio cunha cata e lectura de poemas en voz alta, que combinará poesía, viño e queixos, con posibilidade de acompañamento musical. Esta última actividade está programada para as 20.00 horas no Xpazo.
A iniciativa está promovida pola asociación Tecido Limiano, en colaboración con Ítaca e Xpazo, e busca fomentar a lectura e crear espazos de encontro arredor da cultura na comarca da Limia.
