sábado. 20.04.2024

O Entroido non é cousa de cartos

Entroido de 2021 en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.
Entroido de 2022 en Xinzo. | FOTO: Noelia Caseiro.

ASOCIACIÓN A PANTALLA - Carta dirixida á "capital do Carnaval en todo el norte de España" dende a Capital do Entroido en todo o mundo (conxuntamente con outras vilas que teñen Entroido, por suposto).

Logo do grande espectáculo que puidemos ver o día 1 de febreiro coa presentación do CARNAVAL de Ourense (minuto 5:50) nas redes sociais só podemos mostrar as nosas máis sinceras felicitacións a Don Gonzalo Pérez Jácome pola grande actuación e dotes de comediante que dispón, ó nivel de calquera parodia que os nosos mellores entroideiros e entroideiras poderían facer. Nunha palabra: SUBLIME!

Don Gonzalo, de verdade, cantos de nós quixeramos ter a sorte de contar con vostede en calquera comparsa! As risas estarían aseguradas e pasaríamos uns días de Entroido que ata estarían a altura de las fiestas de verano de la capital.

Como dixo na presentación: "top en toda Galicia” é o que é vostede, pero non o seu Entroido. Porque o Entroido non vai a golpe de cartos, aínda que pagara ó sambodromo todo de Río de Janeiro e o subira nun autobús descapotable (iso é carnaval, por certo).

O Entroido entendido polos Entroideiros, cousa que lamentablente Don Gonzalo, vostede non parece que sexa, ten un trasfondo que nin o mellor Dj de Tomorrowland (da igual si Canadá ou Belxica), dará feito que en Ourense se poida vivir porque fala de conceptos como a herdanza, como os rituais, como a parodia, e un longo etcetera que se ten ou non se ten.

Por iso mesmo dende o noso colectivo, dende a Asociación Cultural “A Pantalla” cando se puxeron en contacto connosco decidimos por unanimidade non converternos nun atractivo a modo de atracción de feira para vostede. Quen queira ver Pantallas sabe a onde ten que vir!

É máis, invitámolo formalmente a vostede e a toda a súa “corporación” (que xa poucos son e temos sitio para todos) a que se acheguen o Domingo, Luns ou Martes, se lle da tempo entre Dj e Dj, a nosa vila, a Xinzo de Limia, puidendo ser sen disfrazar para que sinta de primeira man o que é o Entroido. Só lle dou un aviso, traia a carteira chea, non o gaste todo no máis top de España! Porque ha pagar rondas a cada un dos grupos de Pantallas que non lle quixeron ir ó gran desfile de máscaras de la provincia en la capital del Carnaval!

Contamos que lle vaia ben a festa en Ourense, a boa fé, e que todos os que lles guste o tinglado ese que montou queden alí e se divirtan todo o que poidan! Porque aquí chégannos os Entroideiros, tanto da casa como de fóra! Así que xa sabe, en Xinzo Entroido, en Ourense Carnaval! E para todo o mundo (acórdese Don Gonzalo que somos o único Entroido Internacional), temos as portas abertas de par en par para quen queira gozar dunha festa que representa a nosa máis fonda tradición galega poida vir!

P.D.: Don Gonzalo, mellor lle fóra ir de capuchón a presentación, que polo menos así non pasaba a vergonza de que o coñecésemos ó dicir tanta bobada xunta.

P.D.D.: Dende Xinzo saudamos fervorosamente a todos aqueles Entroidos irmaos da provincia: Laza, Verín, Sande, Cualedro, Sarreaus, Viana, Vilariño, Buxán, Maceda, Celavente, Manzaneda, As Eiroás, Maside, Seixalbo, A Ponte, Entrimo, Bande, Mugueimes, A Xironda, Riós, Campobecerros, Vilarnaz, A Mezquita e cada pobo que aínda ten a sorte de poder festexar estés días.

O VOSO SI QUE É ENTROIDO!!!  VIVA O ENTROIDO!  VIVAN AS SÚAS CAPITAIS!

O Entroido non é cousa de cartos