jueves. 18.04.2024

FESQ22 🐺 | Roma, Roma, Roma!

FESQ22

Carlos Gómez, artigo Esquecemento. Fesq22

O 17 de maio do ano 2000 sorprendíanos a estrea en España da película Gladiator de Ridley Scoot, un filme épico que acadou enormes cotas de pantalla e mesmo cinco Óscar: á Mellor película, mellor actor, mellor deseño de vestiario, mellores efectos visuais e mellor son. Aquel éxito de Gladiator, que aínda síguenos emocionando, coincidiu no tempo co final dunha tarefa que teimosamente fixera durante varios anos visitando e coñecendo diversas recreacións históricas, e recompilando estudos e documentos sobre o episodio  protagonizado no ano 138AXto. ás beiras do Flumen Oblibionis -o famoso Lethes, o noso Limia-, por o Cónsul Décimo Xuño Bruto, máxima autoridade naquela altura da Roma Republicana xunto con Publio Cornelio Scipión Nasica.

En Setembro daquel ano 2000 ao regreso de Cartagineses y Romanos,  comecei a darlle forma de xeito definitivo á festa do Esquecemento presentando nun stand na Expolimia o proxecto da festa  de recreación romana que espertou unha grande expectación. Xusto despois da feira conseguimos constituír a Asociación Civitas Limicorum da que fun o primeiro presidente, con Miro Martínez Cerredelo de secretario e Arsenio Martinez Paz de tesoureiro. E con vogais e colaboradores de extraordinarias calidades humanas, intelectuais ou festeiras como Eduardo Ruiz León, José Antonio Pérez Carrera, Francisco Rivero, Concepción Rúa, José Pérez Rodríguez, José Ángel Urtiaga, Chus Romero, Perina Gómez, Pucho Carrera, Antonio Sánchez Rodríguez, José Antonio Casal ou Placer Feijoo López.

Non sei en que proporción Gladiator e a historia das augas do Lethes, que levamos os limiaos mesturadas no ADN, sumaron aquela emoción colectiva, e a dose de ilusión necesaria que nos levou a implicarnos con forza naqueles primeiros pasiños da I Festa do Esquecemento, por certo cun ensaio previo meses antes, idea de Antonio Sánchez Rodríguez, que demos en chamar “Primeiro paso fallido do Lethes”, consistente nunha cea romana nun coñecido restaurante da vila ataviados para a ocasión como boamente entendiamos que vestirían os romanos e romanas republicanos; un evento moi concorrido en gratísima compaña, e de imborrable lembranza.

E así, hai xusto agora 22 anos un venres como este, prendiamos o Lume Sagrado: “Por ti Grande Lethes, Ti que es semente e colleita, Ti que estas feito de sombras e luz, Ti que es o señor das xacías e dos meigallos. Ti que es o Rio da Vida e do Esquecemento”.  Mentres resoaban por primeira vez nas rúas de Xinzo, os tambores romanos e as gaitas castrexas. 

E incrédulos, sorprendidos e emocionados asistiamos ao desfile, ao son de cornetas e tambores, das Aguias de Roma portadas marcialmente por os lábaros da Lexión Fuerzas de Choque Extraordinarii, e asistíamos ao circo romano de Leyend, e vibramos coas carreiras de cuadrigas e coa loita e morte na area dos gladiadores, e bailabamos danzas orientais entre as fumeiras e o rutilante lucerio das bengalas. E cantamos, bailamos, bebemos, e conversamos moitas horas ao calor e a luz das fogueiras, entre brebaxes castrexas e manxares romanos, naquel primeiro e máxico campamento de confraternidade, amizade, flirteos e moita festa.

E asistimos, algúns e algunhas sen poder conter as bagoas, tras do Rato e dos Remoras ao cruce das augas do Lethes; Fomos testemuñas dous mil anos despois daquilo que tantas veces escoitamos aos nosos maiores, que tantas veces léramos nos programas de festas, do que tantas nos fachendeamos os Limiaos, e que esta gravado na memoria destas terras: "No ano 138 antes de Xesucristo, Décimo Xuño Bruto cruzou o Lethes e chamou aos soldados dende a outra beira sen esquecerse dos seus nomes!”.

Si, vimos -e seguimos vendo-, emocionarse a moitas persoas cando Manuel Carrera o noso primeiro Cónsul Décimo meteuse nas augas do Lethes, e tras del Viso, Pucho, Pablo, Manolo, Domingos, Paco, Quico... a primeira Lexión de Limiaos, porque somos o Pobo do río do Esquecemento e, esta é a nosa historia, e esta é a nosa xente!

E así, hai xusto agora 22 anos un venres como este, prendiamos o Lume Sagrado mentres resoaban por primeira vez nas rúas de Xinzo, os tambores romanos e as gaitas castrexas. 

Así aconteceu aquela primeira Festa do Esquecemento, unha aventura de historia e festa que naceu hai dúas décadas e que hoxe xa forma parte inseparable da vida cultural, festiva e mesmo económica do Concello de Xinzo. Non por méritos nosos, senón e sobre todo porque nesta terra limiá levamos a paixón, a festa e aquelo de mudar de personaxes metido nos nosos miolos entroideiros. Por iso, e porque as augas do Lethes alimentaron durante séculos a memoria e a imaxinación colectiva, a Festa do Esquecemento estaba chamada a converterse nun referente da nosa identidade.

Gómez no Esquecemento
Romanos no paso do río nunha das primeiras edicións da Festa. | ARQUIVO de Carlos Gómez.

E aquel soño que vai camiño do carto de século, quixemos compartilo dende o primeiro momento con veciños e visitantes, cos que queiran vivilo como castrexos e cos que o queiran facer como romanos, unha celebración de todos, unha festa de Xinzo na que somos actores voluntarios daquela obra teatral escrita na memoria dos limiaos dende hai máis de dous milleiros de anos. Que cada quen viva e goce como mellor entenda, pero con ese punto de paixón, amizade e hospitalidade que so os limiaos sabemos poñerlle as festas.

E de xustiza lembrar e agradecer o traballo nestes 22 anos de todos e todas as que aportan a imprescindible colaboración, ese grao de area necesario para sacar a festa adiante. E das seis directivas anteriores a actual de Marcos Argibay, Placer Feijoo, Carmen Iglesias e Ana Lozano.

Porque nesta terra limiá levamos a paixón, a festa e aquelo de mudar de personaxes metido nos nosos miolos entroideiros; porque as augas do Lethes alimentaron durante séculos a memoria e a imaxinación colectiva, a Festa do Esquecemento estaba chamada a converterse nun referente da nosa identidade.

Dende a primeira e a segunda que tiven a honra de presidir con Miro Martínez, Eduardo Ruiz e Arsenio Martínez, e con Mercedes Barba, Ánxeles González e Teresa Perolio, á de María José González Manso e Manolo Viso, as de Silvia Dopazo, Adolfo Gómez e Antonia Márquez, a de Concepción Ojea e María Méndez, as de Iván Prado, Leticia Diz e Mercedes Hernando e, sen querer esquecerme de ninguén a todos cantos formaron parte daquelas directivas e coordinadoras e traballaron ao seu carón, que foron moitos e moitas, para chegar a esta XXII edición.

Gómez FOTO Pepe Calleja
Carlos Gómez, nunha foto de Pepe Calleja.

As institucións publicas e outros colectivos: A Deputación Provincial de Ourense, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello de Xinzo. A Asociación de Comerciantes, ao Teatro Aneis, e a tódolos os que contribúen a organizar e financiar a festa. De xeito especial os compoñentes dos grupos, sen eles, sen o seu traballo, espírito festeiro e cordialidade o Esquecemento tería pouco sentido.

Finalmente unha lembranza emocionada e moi especial para os membros da Asociación que nos deixaron, e agardan por nos ao outro lado do Lethes, entre eles: Antonio Sánchez, Carlos Casares, Mercedes Navarro, Francisco Rivero, José Pérez, José Ángel Urtiaga, Esther, Marcial García, Pedro López, Eduardo Ruiz, Rochi Losada, Manolo Viso, Óscar, Suso, Rudi, Adolfo Gómez, Francisco Javier Dorado…

A todos eles que neste Esquecemento estarán animándonos e mirando, porque os seus ollos miraran sempre polos nosos ollos, as súas risas serán sempre as nosas risas e as súas emocionadas bagoas serán tamén as nosas. “O que facemos nesta vida, resoa na eternidade”.

Volveremos a vernos amigos, pero aínda non, aínda non, como lle dixo Juba, o gladiador Numida lembrando a partida do seu amigo Máximo Décimo Meridio, Comandante dos Exércitos do norte e Xeneral das Lexións Fénix: “Aínda non, aínda non!”.

Forza e honor!.

No ano XXII do Esquecemento.

Carlos Gómez é Presidente de Honra da Civitas Limicorum
 

FESQ22 🐺 | Roma, Roma, Roma!