NOTICIAS A LIMIA | Unha Festa da Pataca con múltiples focos de interese e un notábel apoio institucional

Mañá intensa na Festa da Pataca de Vilar de Barrio, con numerosos visitantes e actividades variadas: exposición de produtos artesanais (desde barro a pan), feira de comercio, exhibición de gando (desde o gando menor que trouxo das súas explotacións o Inorde, até o maior: cabalos, burros e xugadas de bois, que chegaron desde Maceda e Castro Caldelas cos seu carros tradicionais), degustación da empanada de pataca (que o alcalde confesou que foi unha idea ‘importada’ de Coristanco), música e xogos infantís nunha espléndida mañá no segundo domingo do mes de outubro.

Despois, ben cedo, a partir da unha da tarde, comezouse a encher a carpa onde se serviron os menús con base na pataca. A xente animouse como na noite do sábado a parar na Festa e continuar a visita despois do xantar. Pola tarde están programados xogos tradicionais, o concurso de tortillas e resolveranse os diferentes concursos ao redor da pataca e outros produtos da horta. Continuará a música e a posibilidade de degustar os menús do día na Festa.

O alcalde, Manuel Conde (BNG), oficiou de anfitrión, e ademais de recibir ao seu homólogo de Coristanco, convidado especial nesta 43 edición da Festa, e aos representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense, tamén tivo palabras de agradecemento para os alcaldes e concelleiros chegados de Xinzo, Vilar de Santos, Baltar e Rairiz de Veiga, entre outros. Conde subliñou tamén o traballo de toda a corporación de Vilar de Barrio nestes tres anos e medio de mandato. Víase feliz ao rexedor nacionalista de Vilar de Barrio pola capacidade da organización para ofrecer unha feira moi variada e pola notábel resposta institucional en apoio do evento. 


FOTOGRAFÍAS: Noelia Caseiro.